O PP reclama melloras urxentes na estrada LU-P-6103 entre Trabada e Barreiros

AMariñaXa
O Grupo Provincial Popular pide á Deputación de Lugo que actúe para garantir a seguridade e o mantemento desta vía moi utilizada por veciños e empresas da Mariña
PP-estrada-Trabada---Barreiros-2026
10 Feb 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular intensifican a súa presión sobre a nova presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, para que se acometan melloras na rede viaria provincial, centrando a atención na estrada LU-P-6103, que une Trabada e Barreiros.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, acompañado polos deputados José María Fernández, en representación de Trabada, e José Manuel Gómez Puente, do PP de Barreiros, inspeccionou o firme da vía e constatou o seu estado de deterioro. Segundo Ameijide, “o pavimento presenta numerosas fochancas e o chamado pel de crocodilo, ademais de ser necesaria a renovación da sinalización horizontal e vertical, así como a limpeza das cunetas. É dicir, cómpre realizar un mantemento básico que leva anos sen facerse”.

O deputado subliñou que se trata dunha estrada moi empregada polos veciños de Trabada para conectarse co hospital da Mariña, e que tamén soporta un elevado tráfico de vehículos pesados, ao dar acceso a varias explotacións e iniciativas empresariais da zona. Ademais, destacou que “en moitas ocasións, polas inclemencias meteorolóxicas como a néboa, a visibilidade é moi reducida, polo que mantela en perfectas condicións é fundamental para garantir a seguridade viaria”.

O Grupo Provincial Popular anunciou que defenderá unha iniciativa no próximo pleno provincial para instar ao goberno da Deputación a escoitar as reclamacións veciñais e levar a cabo actuacións urxentes nesta estrada. Ameijide enfatizou que “non é a primeira vez que demandamos o mantemento da LU-P-6103, pero é prioritario garantir a seguridade de todos os usuarios desta vía”.

⚙ Configurar cookies
0.078058004379272