O Pleno de Burela aborda melloras urbanas e a situación da frota artesanal

O último Pleno da Corporación Municipal de Burela estivo marcado por un intenso debate sobre a mellora da seguridade e a calidade de vida no municipio, así como por cuestións de interese sectorial, como a pesca artesanal galega. Entre os asuntos tratados estiveron varios rogos presentados polo Grupo Municipal do PP, centrados na iluminación de pasos de peóns que permanecen á escuras durante a noite, a mellora do valado da área deportiva do parque de Rosalía de Castro, a retirada dunha sinal de dirección prohibida en A Casilla e a adaptación de certos sumidoiros para dificultar o paso de ratas.
O Goberno local respondeu que todas estas actuacións están en proceso de mellora. Respecto ao alumeado, explicaron que buscan tanto iluminar como facer accesibles os pasos de peóns durante o que resta de lexislatura. Sobre o parque de Rosalía de Castro, confirmaron que a empresa encargada realizará as correccións necesarias no valado, mentres que na Casilla destacou a diversidade de opinións entre os veciños, lembrando que a seguridade é prioritaria. En canto aos sumidoiros, indicaron que se está a buscar un formato que impida a circulación de roedores.
Outro dos puntos abordados foi o atraso na aprobación da Conta Xeral do Concello, presentada tarde en 2025 e aínda sen aprobación do Consello de Contas de Galicia, o que limita o acceso a axudas e subvencións. O Goberno local atribuíu o atraso aos seis cambios no persoal da Intervención ao longo do ano pasado.
O Pleno tamén aprobou por unanimidade unha moción presentada polo portavoz do BNG, Mario Pillado, sobre as consecuencias da entrada en vigor do Regulamento de Control da Pesca da Unión Europea (UE 2023/2842) para a frota artesanal galega. Esta normativa, aplicada progresivamente desde o 9 de xaneiro de 2024, introduce obrigas como o diario electrónico e cámaras a bordo, aumentando a carga burocrática dunha frota xa regulada e endurecendo o réxime de sancións, con risco de afectar ás axudas do FEMPA.
O sector, especialmente na Mariña, realizou concentracións en Celeiro e Burela, reclamando un trato diferenciado que recoñeza a importancia económica e social da pesca artesanal e a súa contribución á fixación de poboación nas vilas costeiras. A moción insta á Xunta a desenvolver normas adaptadas á realidade da frota artesanal e ao Goberno central a negociar coa Comisión Europea a exclusión ou flexibilización do regulamento, a aprobación dunha moratoria e a eliminación da retroactividade das sancións. Ademais, propón que na próxima revisión da Política Pesqueira Común se diferencie claramente entre pesca artesanal e industrial, atendendo a criterios como eslora, distancia aos caladoiros, duración das mareas, tipo de artes e número de tripulantes.
O BNG destacou que estas medidas son fundamentais para garantir a viabilidade económica e social da frota artesanal, preservando un sector esencial para a economía local, a identidade cultural e a sustentabilidade dos recursos mariños.