O PP de Burela reclama melloras de hixiene e servizos no mercado semanal dos venres

AMariñaXa
A formación popular pide a instalación de baños portátiles e máis colectores de lixo, recollendo as demandas de comerciantes e usuarios
Concelleiros-PP-Burela
24 Sep 2025

O Partido Popular de Burela levará ao próximo Pleno da Corporación unha proposta que nace das queixas tanto dos vendedores ambulantes como das persoas que acoden ao mercado semanal, centrada en mellorar as condicións de salubridade e hixiene na zona durante a súa celebración.

Segundo explican os edís populares, trátase dunha petición que levan formulando “desde hai moito tempo ao goberno local sen obter resposta”. As denuncias máis habituais fan referencia á falta de colectores suficientes para recoller os refugallos derivados da actividade comercial, así como á ausencia de aseos públicos dispoñibles para comerciantes e veciñanza.

A iniciativa que defenderán os concelleiros do PP busca dar unha resposta práctica a esta situación: por unha banda, demandan a instalación urxente de baños portátiles os venres, e por outra, o incremento do número de colectores durante a xornada de mercado. Consideran que son medidas de baixo custo económico pero de gran utilidade para mellorar un servizo que utilizan centos de persoas cada semana.

Desde o PP lembran tamén que se opoñen ao cambio de localización do mercado, ao entender que “prexudica aos negocios do centro” e que a maioría da cidadanía preferiría que regresase á súa ubicación orixinal, no corazón da vila. Critican, ademais, que a nova ordenanza reguladora dos mercados, presentada polo goberno local con máis dun ano de atraso, “non resolve a cuestión da ubicación e introduce restricións excesivas para determinados vendedores, como os de produtos de alimentación caseira”.

“Para nós, a mala xestión do executivo municipal en relación co mercado semanal é un reflexo da súa incapacidade á fronte do Concello, que acaba repercutindo negativamente en veciños e comerciantes”, conclúen os populares.

⚙ Configurar cookies
0.083998918533325