O PP reclama máis medios para a Mariña e defende o labor da Xunta en sanidade

AMariñaXa
Representantes populares da comarca reuníronse co conselleiro Antonio Gómez Caamaño e destacaron o reforzo de persoal no hospital comarcal
Hospital-Público-da-Mariña
14 May 2025

O Partido Popular da Mariña volveu situar o coidado da saúde como un dos eixes prioritarios da súa acción política. Nun encontro mantido co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, representantes do PP da comarca, encabezados pola presidenta provincial Elena Candia, manifestaron a súa preocupación pola situación sanitaria da zona e reclamaron novos avances para mellorar a atención no Hospital Público da Mariña.

Na reunión participaron tamén alcaldes, portavoces municipais, deputados e senadores, que coincidiron en sinalar que “a sanidade é unha prioridade tanto para o Partido Popular como para o Goberno galego”. Os representantes populares pediron que se continúe traballando con intensidade e sen escatimar recursos para reforzar o sistema público de saúde, especialmente nunha comarca como a Mariña, onde cubrir prazas de especialistas resulta particularmente complexo.

Segundo destacaron, a Xunta está a desenvolver diversas medidas para garantir unha atención sanitaria adecuada. Entre elas, citaron os procesos en marcha para ocupar 17 prazas de especialistas mediante a Oferta Pública de Emprego e a segunda quenda do concurso para postos de difícil cobertura. Estes procedementos súmanse ás prazas que xa foron adxudicadas nos últimos meses.

O PP puxo en valor que este tipo de convocatorias son posibles grazas a unha lei pioneira impulsada pola Xunta, coa que se busca facilitar a chegada de facultativos a áreas como a Mariña. Recordaron, ademais, que tanto o PSdeG como o BNG votaron en contra desta norma no Parlamento galego, o que para os populares supón “dar as costas ás demandas da cidadanía e, en concreto, aos usuarios do Hospital da Mariña”.

Os representantes populares denunciaron tamén a falta de resposta do Goberno central ante a escaseza de profesionais sanitarios, un problema que afecta a todas as comunidades autónomas. “Ningún dos seis ministros de Sanidade que tivo o Executivo de Sánchez adoptou medidas eficaces para paliar esta situación”, afirmaron.

Desde o PP insistiron en que a Xunta está a facer un uso eficiente dos recursos dispoñibles e avanzaron que se está a traballar nun plan para incrementar o atractivo das prazas de especialistas nos hospitais comarcais. Nesta liña, lembraron que cubrir vacantes en centros periféricos é unha dificultade compartida noutras rexións, como acontece no hospital asturiano de Jarrio, tamén con problemas para completar cadros médicos.

A nivel organizativo, Galicia aposta por un modelo de xestión sanitaria conxunta, que permite o apoio dos hospitais de referencia —como o HULA, o de Monforte ou o CHUAC— aos centros comarcais, co obxectivo de garantir unha atención equitativa en todo o territorio.

Os populares concluíron lembrando algúns indicadores que, segundo din, demostran a eficacia da política sanitaria da Xunta: Galicia é a segunda comunidade con menor tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica, cunha media de 66 días; conta co calendario de vacinación máis completo do Estado e cun programa de cribado poboacional recoñecido a nivel nacional.

⚙ Configurar cookies
0.16151285171509