O PP reclama explicacións polos atrasos na residencia da Pontenova

O Grupo Provincial Popular pediu explicacións ao goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo polo futuro da residencia e centro de día da Pontenova. O portavoz Antonio Ameijide e o deputado Clemente Iglesias visitaron a localidade xunto á portavoz local, Conchita Novo, e lembraron que as obras, iniciadas en setembro de 2022 cun prazo de execución de quince meses, “deberían estar xa concluídas, pero tres anos despois seguen sen rematar”.
Ameijide afeou que o executivo provincial decidise resolver o contrato coa construtora sen que a infraestrutura estivese lista, o que, ao seu xuízo, agrava a situación. “Os veciños levan sete anos agardando un servizo prometido que non chega”, sinalou, lembrando que a residencia fora anunciada no 2018 cunha previsión de apertura no 2019. Desde entón acumulou tres ampliacións de prazo e continúa sen estar operativa.
Os populares esixen que a Deputación garanta a finalización da obra e a apertura inmediata do servizo, que permitirá dar cobertura a 30 prazas en réxime de residencia e a 20 no centro de día, así como crear novos empregos na Pontenova. Ademais, pregúntanse canto custará cada praza: “se o mesmo que nas nove residencias abertas ou un 60% máis, como acontece na de Becerreá”.
O PP critica tamén que outras residencias comprometidas pola Deputación seguen bloqueadas. A de Becerreá está rematada pero pechada, mentres que as de Guitiriz e da Pobra do Brollón acumulan importantes atrasos. En Cervantes, Folgoso do Courel, Ourol, Pantón e Portomarín nin sequera se puxeron en marcha as obras.
Do mesmo xeito, lembran que ningún dos centros de día anexos ás residencias provinciais abertas entrou en funcionamento, a pesar de ser un compromiso expreso do goberno provincial. “O PSOE e o BNG incumpren sistematicamente coas persoas maiores da provincia”, concluíu Ameijide.