O PP de Foz reclama dobre sentido para toda a avenida de Sarria

A mobilidade continúa sendo a principal asignatura pendente do goberno de Francisco Cajoto, segundo denuncian dende o Partido Popular de Foz. Os populares alertan que os recentes cambios no tráfico evidencian “o fracaso total do plan de mobilidade que o alcalde presentou con gran publicidade”, marcado pola improvisación e a falta de consulta con todos os veciños.
O voceiro do PP, Javier Castiñeira, asegura que “o señor Cajoto está incumprindo de xeito reiterado as directrices que marca o plan de mobilidade”. Como exemplo, cita os cambios realizados na rúa Manuel Murguía, pensados para mellorar o acceso ao porto, pero que aínda así deixan illados a certos veciños obrigados a dar a volta ao municipio.
Castiñeira subliña que “se Cajoto escoita a uns veciños para unhas cuestións, tamén debe escoitalos a todos”. Por iso, desde o PP instan ao alcalde a atender as reclamacións da veciñanza da avenida de Sarria e da rúa Uxío Novoneira, que incluso tiveron que acudir á Valedora do Pobo debido a que as súas peticións foran desoídas.
Segundo o voceiro popular, a solución sería sinxela: “bastaría con poñer a avenida de Sarria en dobre sentido de circulación na súa totalidade”. Na actualidade, só unha parte da avenida é de dobre sentido, mentres que o tramo restante mantense en sentido único, provocando un aumento considerable do tráfico en Uxío Novoneira e xerando problemas aos residentes da zona.
O PP de Foz insiste en que “se se escoitou aos veciños da zona de Porto Chico, tamén se debe atender ás demandas de Uxío Novoneira, que levan moito tempo solicitando un cambio moi sinxelo: abrir en dobre sentido o tramo da avenida de Sarria próximo ao campo de fútbol”.