O PP reclama a rehabilitación dos edificios da antiga escola de Covas e a súa contorna

AMariñaXa
O PP reclama ao Concello a rehabilitación dos edificios da antiga escola de Covas e o acondicionamento da súa contorna
antiga escola de Covas
6 Xuño 2022

O PP reclama ao Concello a rehabilitación dos edificios da antiga escola de Covas e o acondicionamento da súa contorna. "Unha das obrigas dos gobernos, sexa cal sexa o seu ámbito, é a de manter en boas condicións o patrimonio do que son responsables. No caso de Viveiro, o goberno presidido pola socialista María Loureiro, xa ten demostrada a súa incapacidade para acometer con éxito tal tarefa. O lamentable estado no que se atopa a antiga escola de Covas é un exemplo da desidia de Loureiro e do seu equipo para a conservación do patrimonio municipal", di taxante o portavoz dos populares de Viveiro, Óscar Rodríguez, que anuncia que o seu grupo “levará unha iniciativa ao próximo pleno para que o equipo de goberno do Concello, presidido pola socialista María Loureiro, adopte as decisións necesarias para rehabilitar o edificio da antiga escola de Covas, que é un edificio que contemplou moita da vida social desta parroquia de Viveiro e que nestes momentos está en estado deplorable”. Esta é unha iniciativa que responde ás demandas dos veciños expresadas aos membros do grupo popular.

Rodríguez explica: “En Covas, as asociacións disfrutaban do edificio da vella escola para o seu día a día. Dende hai tempo, só está operativa unha parte dun dos dous edificios; o resto está en estado lamentable. A súa contorna ten tamén moi mal aspecto, porque está sen desbrozar e o acceso á primeira planta está en condicións pouco dignas”.

Os concelleiros populares avisan de que “é preciso acondicionar os edificios e a súa contorna, para que volvan prestar servizo aos distintos colectivos que posúe a parroquia de Covas”.

0.19756412506104