O PP reclama a gratuidade do tren de ancho métrico na Mariña

AMariñaXa
Os deputados populares esixen ao Goberno que explique por que Galicia non recibe a mesma compensación que Asturias e Cantabria
ampliacion-ponte-feve-ribadeo-1
27 Feb 2025

Os deputados do Partido Popular de Lugo no Congreso, Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades, reclaman ao Goberno central explicacións sobre a situación dos usuarios do tren de ancho métrico en Galicia, que seguen tendo que pagar polos seus abonos mentres en Asturias e Cantabria viaxan de forma gratuíta.

Jaime De Olano denuncia que “o Goberno de Sánchez non ten ningún interese en corrixir esta situación, que se prolonga no tempo sen cambios”. Por este motivo, os deputados lucenses esixen unha resposta por escrito para aclarar as razóns polas que os viaxeiros das provincias de Lugo e A Coruña non poden beneficiarse da mesma medida aplicada en Asturias e Cantabria.

Galicia queda fóra das compensacións

O PP sinala que esta diferenza de trato responde á compensación que o Estado ofreceu a Asturias e Cantabria polo atraso na entrega do novo material rodante, un problema coñecido polo caso dos trens que non cabían nos túneles. A pesar de que esta incidencia tamén afecta ás provincias de Lugo e A Coruña, o Goberno de Sánchez non incluíu Galicia na mesma medida de compensación.

Os populares lembran que teñen reclamado en numerosas ocasións que se corrixa este “agravio” con respecto a Asturias e Cantabria, pero lamentan que “o Goberno non amosara ningunha sensibilidade coa Mariña e Ortegal, deixando aos seus veciños sen os mesmos dereitos”.

Ademais, denuncian o progresivo deterioro do servizo, con avarías e atrasos constantes, recortes de persoal, falta de modernización da rede e a supresión de servizos e frecuencias. Por iso, insisten na necesidade de garantir “un servizo de calidade” e modernizar a liña entre Ribadeo e Ferrol, que continúa sen electrificar.

Críticas ao PSdeG e BNG

Jaime De Olano tamén apunta aos socialistas galegos e ao BNG, a quen acusa de “aplaudir a Sánchez en lugar de defender os intereses de Galicia”. O deputado considera que a proposta de condonación da débeda autonómica por parte do Goberno central suporía, en realidade, “cargar aos galegos cunha débeda adicional de 600 millóns de euros”.

“O máis sorprendente”, engade, “é que Besteiro e Pontón pretendan endosar 220 euros de débeda a cada lucense e a cada galego para pagar as concesións de Sánchez aos independentistas”.

⚙ Configurar cookies
0.15997791290283