O PP reclama a actualización de prezos do proxecto de beirarrúas e servizos entre Xunqueira e Magazos

AMariñaXa
O PP reclama a actualización de prezos do proxecto de beirarrúas e servizos entre Xunqueira e Magazos e que se inclúan no orzamento municipal
27 Out 2022

O PP reclama a actualización de prezos do proxecto de beirarrúas e servizos entre Xunqueira e Magazos e que as obras se inclúan no orzamento municipal para 2023.

Nos orzamentos do Concello de Viveiro incluíuse no seu momento a obra de renovación das beirarrúas e dos servizos no tramo comprendido entre Xunqueira e Magazos. "Pero tal obra non se levou a cabo", di o grupo municipal do PP, qie defenderá unha moción no próximo pleno para que o Concello actualice o proxecto para as obras indicadas, inclúa a correspondente partida nos orzamentos para o 2023 e execute as obras canto antes.

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, lembra que “o proxecto das beirarrúas e instalacións inherentes que van de Xunqueira a Magazos presentouse por parte do Goberno co apoio de Por Viveiro, para que fose aprobado con cargo á subvención que lle corresponde ao Concello de Viveiro polo canon eólico”. Aclara que esta é unha subvención que non se outorga por concorrencia competitiva, senón por asignación directa soamente con presentar un proxecto adecuado en tempo e forma. Rodríguez engade que “dito proxecto foi redactado de maneira totalmente regular e adaptado ás bases requiridas, pero a Administración considerou que non foi presentado en tempo e forma e polo tanto a subvención non foi concedida; o Concello iniciou entón un procedemento xudicial, que sigue aberto”.

Os populares destacan que, dende o principio, o goberno local asegurou que este proxecto realizaríase dunha maneira ou doutra. Dado que no pleno máis recentemente celebrado pola corporación municipal, o Concelleiro de Facenda afirmou que os orzamentos do ano 2023 estarían tramitados en tempo e forma, os populares presentan unha moción para incluír nas contas do próximo ano as obras das beirarrúas e servizos entre Xunqueira e Magazos.

Rodríguez avisa: “A contía do proxecto inicial era de pouco máis de 100.000 €; agora, por mor da elevada inflación, estimamos que o custo vai precisar dun incremento dun 30%”. Os populares solicitan “que no seguinte pleno se aprobe a inclusión de devandito proxecto nos orzamentos do ano 2023 atendendo ao incremento económico resultante do aumento de custos”.

CALEXA DAS MONXAS. Na rúa María de las Alas Pumariño, máis coñecida como Calexa das Monxas "as lousas están separadas e camiñar sobre elas é moi incómodo e causa de frecuentes caídas", din os populares.

A Calexa das Monxas comeza na chamada Porta do Valado, da antiga muralla de Viveiro. Ten un pavimento de lousa en chapacuña. "Co paso do tempo e debido á falta de mantemento adecuado, as distintas pezas, as lousas, separáronse entre si, o que fai incómodo camiñar sobre elas, e, cando a separación é acusada,  provoca tropezóns e caídas", din.

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala: “É hora de que o goberno local, presidido pola socialista María Loureiro, tome cartas no asunto e resolva o problema, adoptando as decisións necesarias para reparar o actual pavimento ou para substituílo por outro”. Ultimamente, son moitas as localidades que optan por cambiar este tipo de pavimento, por outros de máis fácil mantemento e máis cómodos para camiñar sobre eles.

0.10543084144592