O PP provincial preguntará no vindeiro pleno se se vai reactivar o polígono de Ourol

AMariñaXa
Os populares critican que a Deputación “non realiza nin un mínimo impulso nin realizou o desmonte das parcelas”
Polígono-industrial-Ourol
12 Xuño 2024

O PP provincial de Lugo preguntará a PSOE e BNG no vindeiro pleno se van reactivar o polígono de Ourol "ou van a seguir manténdoo abandonado", tal e como explica o seu portavoz, Antonio Ameijide, que pregunta a socialistas e nacionalistas como pretenden que calquera persoa se interese en asentar o seu proxecto empresarial nesta zona industrial se a Deputación “non realiza nin un mínimo impulso nin realizou o desmonte das parcelas” polo que “os empresarios deberían de asumir, ademais do coste de inicio da actividade, o gasto de acondicionar o solo”.

Ameijide lembra que neste proxecto industrial a Deputación de Lugo “aínda non fixo o desmonte das parcelas” polo que “o máis normal é que nesta situación ninguén se interese por asentar o seu proxecto empresarial nesta zona da provincia porque é inasumible ese prezo de venda nesa localización e o coste que ten realizar o desmonte”.

Por este motivo, os deputados populares preguntarán no vindeiro pleno “que ten pensado facer o goberno de socialistas e nacionalistas con esta zona industrial para xa que se este é o seu modelo de impulso industrial é, cando menos, curioso”. “Socialistas e nacionalistas son o peor inimigo da creación de emprego e do asentamento empresarial e de poboación na nosa provincia”, sentenciou.

Esta zona industrial conta con dúas parcelas “algo, cando menos curioso porque nunca vimos unha zona industrial con só tres parcelas”. Unha destas parcelas conta cunha nave abandonada, “imaxinamos que cansos de esperar o asentamento doutras iniciativas que axudaran a medrar o polígono e así, entre todos, xerar sinerxias que lles permitisen medrar e ser máis competitivos”. Unha das parcelas que está a venda no polígono conta cunha extensión de 14.330m2 xa que non se realizaron nin as divisións nin o desmonte. Na actualidade está ateigada de árbores e vexetación, ademais de contar con rochas e penedos de gran tamaño.

“O normal, aínda que José Tomé, os socialistas e os nacionalistas non o queiran ver é que se a parcela non está adaptada é que ninguén se interesase por ela xa que a maiores do investimento para poñer en marcha a súa actividade ten que asumir o desmonte e así ninguén quere iniciar unha actividade”, afirmou.

0.20205402374268