O PP provincial demanda que se melloren as estradas LU-P-6305 e LU-P-6602

AMariñaXa
Os populares tamén levarán ao pleno provincial a situación de incerteza de Alcoa
pp-cadramon-valadouro
25 Nov 2024

Os deputados do Grupo Provincial Popular pedirán no pleno da Deputación de Lugo que o PSOE e o BNG se posicionen sobre o desenvolvemento da provincia no que se refire ao ámbito industrial e ao das comunicacións.

Por unha banda, incidirán na necesidade de desenvolver un plan para a reparación, mellora e mantemento das vías provinciais como están a reclamar de xeito reiterado á vista das queixas que lles trasladan alcaldes, portavoces e os propios veciños.

O Grupo Provincial Popular  trasladará ante o pleno outras demandas continuas de veciños e veciñas como é a reparación da estrada LU-P-6305 que conecta co reemisor do Cadramón (O Valadouro) que leva anos sen ningún tipo de mantemento polo que o seu estado é intransitable para turismos.

Así mesmo, os deputados do PP, tras escoitar as queixas dos propios veciños e veciñas de Galdo, piden ao goberno de PSOE e BNG actuacións para mellorar a seguridade dos peóns na estrada LU-P-6602 ao seu paso por esta parroquia viveirense. Recentemente incluso se produciron dous incidentes nos que dous vehículos arroiaron a dúas persoas.

Ante a situación de perigosidade que os veciños e veciñas xa trasladaron ao goberno bipartito local sen obter ningunha solución, os representantes do PP na Deputación trasladan a súa demanda para a instalación de redutores de velocidade ao seu paso polos núcleos de poboación; ademais de solicitar a habilitación, sempre que sexa posible, de espazos para peóns pola marxe da vía.

E, por outra banda, tamén levarán ao pleno provincial a situación de incerteza de Alcoa nun contexto no que o Ministerio leva meses sen convocar a mesa de seguimento do pacto no que están representados a empresa, os traballadores e as administracións públicas; se fixo público un preacordo con Ignis supeditado ás achegas públicas para facer viable a planta da Mariña; e os traballadores volven a mobilizarse para demandar solucións.

A iniciativa dos populares recolle instar ao Goberno de Sánchez a convocar a mesa de forma urxente, autorizar os parques eólicos vencellados a subministración de enerxía a Alcoa e a desenvolver medidas para garantir a viabilidade da fábrica: aumentar ata o máximo permitido para as industrias electrointensivas as axudas por compensacións de CO2 e articular liñas de axudas públicas, igual que outras empresas consideradas estratéxicas para o Estado.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14687085151672