O PP propón a creación dun Foro Económico en Viveiro para reactivar a economía local

AMariñaXa
Propoñen un Foro Económico para analizar a crise local e impulsar novas medidas que revitalicen o comercio e a industria
Ponte-da-Misericordia-viveiro
20 sep 2024

O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro propuxo no vindeiro pleno municipal a celebración dun Foro Económico que analice a situación económica actual do concello e propoña medidas para impulsar a recuperación do tecido produtivo. Os populares consideran que Viveiro precisa un espazo de reflexión e debate para identificar as súas carencias e poñer en marcha solucións a curto e longo prazo.

Segundo o PP, Viveiro leva anos sufrindo un progresivo declive económico marcado polo peche de conserveiras e a redución de actividade en industrias clave da comarca, así como polas dificultades que enfrontan as PEMES e os autónomos. Neste contexto, a hostalería e o pequeno comercio, especialmente fóra da tempada turística, ven comprometidos ante a competencia de grandes plataformas de venda online.

A formación popular destacou que Viveiro sempre foi un referente económico, pero urxe recuperar esa posición cun plan que inxecte novas ideas e enerxía ao municipio. O Foro Económico, segundo os populares, permitiría reunir expertos, empresarios e representantes locais para debatir e propoñer iniciativas que revitalicen o tecido empresarial e impulsen o crecemento sostible no futuro.

O PP confía en que esta iniciativa axude a reverter o "letargo" no que, segundo eles, se atopa Viveiro e sexa unha oportunidade para fortalecer a economía local e atraer novos proxectos que xeren confianza e estabilidade.

 

 

0.12309098243713