O PP de Foz presume de desbloquear o contrato do ciclo da auga tras negociar os investimentos

Os concelleiros do Partido Popular de Foz, coa súa abstención no pleno celebrado o pasado xoves, favoreceron o desbloqueo do contrato do ciclo da auga tras chegar a un acordo co PSOE para realizar investimentos no municipio nos vindeiros meses.
“Seguimos unha liña totalmente coherente, xa que sempre defendemos que era necesario renovar o contrato caducado desde hai oito anos e sacalo a licitación, que inclúe o abastecemento, o saneamento e a rede de residuais, así como establecer uns pregos que permitan investimentos na rede, fundamentais para ofrecer un bo servizo”, asegurou o voceiro do Grupo Municipal Popular de Foz, Javier Castiñeira.
O Partido Popular, durante as reunións previas ao pleno, ofrecéuse a negociar un voto que permitira desbloquear o contrato, e presentou tres propostas ao goberno socialista. A primeira, para votar a favor, foi a rebaixa dun 30% das taxas municipais para os residentes habituais, para as persoas con primeira residencia e os abonados empadroados en Foz.
Neste sentido, Castiñeira explicou que “PSOE e BNG pactaron e realizaran, no seu día, unha suba desproporcionada das taxas municipais, que sorprendeu aos veciños, incluso antes de que entrara en vigor, e coa que desde o Partido Popular non estivemos de acordo. Apostabamos por unha progresividade nas taxas. Pero o goberno actual considera que, a estas alturas, xa non é posible esta rebaixa, polo que descartamos o noso voto a favor e ofrecemos varios proxectos de investimento para absternos e permitir que siga adiante a licitación do contrato do ciclo da auga”.
Ante a negativa do PSOE a rebaixar as taxas municipais, o Partido Popular propuxo un par de medidas para abstenerse que consideraban positivas e que foron aceptadas polo goberno municipal. Entre elas, inclúense obras e investimentos que formarían parte do próximo Plan da Deputación.
O Partido Popular limitouse a propostas que xa fixera en diversos plenos mediante mocións e rogos, así como o cambio do céspede artificial do campo de fútbol de Malates. Esta proposta xa fora presentada en plenos anteriores, e os concelleiros do PP entregaron ao alcalde un orzamento realista coa valoración dos custos. Ademais, ofreceron acompañar ao rexedor á Deputación de Lugo para solicitar a axuda desta administración para a actuación.
“Queda demostrado novamente que a intención do PP de Foz non é bloquear ao goberno en minoría do PSOE, e que, en todo caso, se nos chaman a negociar, acudiremos con propostas positivas para os veciños”, destacou Javier Castiñeira.
Durante o pleno, o Partido Popular tamén lembrou ao alcalde que segue pendente solucionar o problema da residencia de maiores, un problema que el mesmo xerou. Segundo os populares, se quere sacar adiante o contrato, primeiro debe poñer sobre a mesa a ordenanza de axudas aos usuarios para mitigar a suba desproporcionada das taxas que presentou, tal e como corroborou o TACGAL, concluíu o voceiro do PP de Foz.