O PP presenta en Foz unha candidatura que mestura renovación e experiencia
Experiencia e renovación nunha porcentaxe pensada para gobernar con eficacia dende o primeiro día. Así é a lista do PP de Foz para as eleccións locais, que se celebrarán o próximo día 28, presentada hoxe no restaurante Leytón. O candidato á alcaldía, Javier Castiñeira, sinalou que a candidatura que encabeza ten “ilusión, xuventude, ideas renovadas” e está integrada por “xente representativa de cada parroquia”. Na presentación da lista popular estiveron, entre outros, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e membros da dirección provincial do PP, entre eles o coordinador xeral, José Manuel Balseiro (deputado autonómico), e o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal.
A do PP de Foz é, en palabras de Javier Castiñeira, “unha candidatura de 20 persoas, 11 mulleres e 9 homes, dispostos a traballar para mellorar servizos, como os de limpeza, recollida de lixo e xardineiría; para mellorar o mantemento das vías locais; aumentar prazas de residencia e de axuda no fogar; crear máis prazas de gardería para conciliar”. A lista popular traballará “coa fundación para darlle saída ao Asilo; coa ACIA para que o pobo sexa máis atractivo, coas asociacións culturais para decidir onde ubicaremos o auditorio e coas asociación de veciños para coordinar os investimentos nas parroquias”.
Castiñeira sinalou: “Daremos participación real á xente e consensuaremos os orzamentos cos colectivos. Hai que actualizar as ordenanzas fiscais para axudar ás familias que viven no pobo, ás primeiras residencias e á xente que se decide polo rural; eliminaremos o imposto da plusvalía o primeiro ano de goberno e bonificaremos ás empresas que se asenten en Foz. Buscaremos solución aos solares abandonados, adecentaremos as entradas de Foz por Marzán e Vilaxoane, promocionaremos o eixo porto-Rapadoira e pediremos á Xunta que amplíe Porto Chico”.
O candidato á alcaldía lembrou os seus oito anos á fronte do goberno local, que foron anos “de feitos irrefutables”, nos que se logrou a residencia da terceira idade, aprobar o plan xeral, modernizar a zona comercial, mellorar a zona do porto, etcétera”. Lembrou tamén que, “na oposición, nestes catro anos, tentamos sempre seguir sumando”, e así se conseguiu “remodelar o instituto de Foz, xestionar a nova depuradora, defender a residencia, a escola de música, etcétera”.
Castiñeira explicou que “agora a xente pode comparar como goberna o Partido Popular, aínda que sexa en minoría e en crise económica, e como goberna o bipartito”, a pesar “das contas saneadas que nós lle deixamos”. Engadiu: “Estiveron 4 anos enfrontándose á Xunta, que foi a Administración que máis investiu en Foz nos últimos 25 anos; tiveron a Deputación e o Goberno central e non sacaron proveito para Foz”.
Pola súa parte, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, loubou a figura de Javier Castiñeira de quen dixo “é o mellor candidato para facer de Foz un concello no que a xente poida vivir e traballar con dignidade e garantías “.
Lorenzana tamén subliñou o proceso de renovación da candidatura popular, da que destacou o peso feminino e “a experiencia e ilusión que amosan para retomar as rendas e encamiñar o futuro de Foz”.
Por último, María Jesús Lorenzana asegurou a súa confianza nas propostas do candidato popular á alcaldía focense para a creación de emprego, o fomento do emprendemento e a economía social e o incremento dos índices de benestar laboral e da sustentabilidade empresarial, ao que engadiu o compromiso sen fisuras de Javier Castiñeira “na loita pola igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, sen discriminacións de ningún tipo por razón de xénero”.
Pola súa parte, dende a dirección provincial do Partido Popular indicaron que “despois de catro anos de goberno do PSOE e do BNG os veciños de Foz teñen a oportunidade de comparar cos anos de goberno do PP, no que aprobouse o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), remodelouse todo o centro de Foz e foi reorganizada a zona do porto”. Sinalaron igualmente, que “nestes últimos catro anos socialistas e nacionalista só venderon fume, pero proxectos e obras non houbo; o que está claro é que non houbo nin unha soa obra importante que non fora da Xunta”.
A LISTA, NOME A NOME
- Javier Jorge Castiñeira
- María Mercedes Rodríguez Moreda
- Laura Riveira Balseiro
- Verónica Soto Piñeiroa
- José Antonio Hermida Fernández
- José Ángel Paleo Soto
- María Dolores Labrada Labrada
- Miguel Ángel Fernández Mon
- Iago Rivas Eiroa
- Nuria Sante Fernández
- Francisca Díaz Díaz
- Rocío Basanta Villapol
- Fátima Rodríguez Moreda
- Víctor Martínez Fonte
- Jonathan Delantero Rodríguez
- María Fernanda Pérez Rodríguez
- Roberto Fernández Pena
Suplentes
- Vanesa Maseda Vilar
- José Rodríguez García
- Paula Ortíz Díaz