O PP pregunta sobre os desperfectos do campo de Cembedo despois do Viveiro Fest
O PP pregunta a Loureiro quen se encargará de reparar e de pagar os desperfectos que presenta o campo de Cembedo despois do Viveiro Fest. "O goberno de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, ten a rara habilidade de conseguir que se converta en problema todo aquelo que a cidade debería aproveitar para mellorar a súa capacidade para atraer visitantes. Un dos resultados da recente edición do Viveiro Fest, celebrada o pasado día 8, foi o enfado de moitos hostaleiros de Viveiro e de Covas e desperfectos no campo de fútbol de Cembedo, no que se desenvolveu o festival", din os concelleiros populares que preguntan formalmente ao goberno local se o festival tivo algún custo económico para o Concello e quen se fará cargo, e canto custará, da reparación das deficiencias que presenta o citado campo de fútbol despois dos concertos, que estiveron protagonizados polo Grupo Musical Panorama e Tributo a Queen.
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala que é importante que Viveiro sexa un punto de referencia en todo aquelo que reforce o seu atractivo como destino turístico. “Pero hai que facelo debidamente, para que festivais como este redunden o máis posible en beneficio dos sectores económicos da cidade e do conxunto do municipio, como é o caso da hostalería. Nesta ocasión, parece que as cousas non se fixeron ben porque hai moitas queixas de hostaleiros, especialmente de Viveiro e de Covas”.
Rodríguez destaca a necesidade de que haxa espazos públicos nos que se poidan desenvolver actos que son reclamos para atraer visitantes á cidade. “Claro que é importante, pero tamén é moi importante que os espazos públicos estean nas mellores condicións e, cando son o marco no que se desenvolven actos nos que hai moita xente, hai que asegurarse de que, ao final, todo queda nas debidas condicións”. Engade Rodríguez: “Aínda é máis importante cando os espazos públicos están nunha das entradas á cidade, como é o caso do campo de Cembedo”.