O PP pide medidas de contención para garantir a seguridade viaria na LU-P-2804, en Lourenzá
O mantemento das estradas provinciais segue a ser unha das tarefas pendentes para PSOE e BNG no goberno provincial e un novo exemplo é a LU-P-2804, en Lourenzá, unha estrada é moi empregada polos laurentinos xa que comunica este municipio con Mondoñedo. O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, xunto aos concelleiros do PP en Lourenzá, Roberto Díaz e Sandra Gómez, e veciños comprobaron “o enorme perigo” que presenta esta estrada ao seu paso polo lugar de Mogo-A Cazolga.
Neste punto, unha das marxes da estrada é un terraplén ao río Masma “unha caída de máis de 20 metros sen ningún tipo de medida de seguridade”. “Non hai ningunha bionda, varanda ou calquera elemento que impida que calquera vehículo caia polo talud con terribles consecuencias”, lamentaron. Os propios veciños levan dende maio deste ano pedindo ante Concello e Deputación de Lugo que se tomasen medidas urxentes para mellorar a seguridade nesta zona.
“A realidade é que os veciños teñen moito medo e non queren ter que agardar a que haxa que lamentar unha desgraza persoal para que PSOE e BNG tomen as medidas necesarias”, sinalou. Antonio Ameijide tamén pon de manifesto a necesidade de realizar as rozas nas estradas provinciais ao seu paso por Lourenzá, como pode ser a LU-P-2803, unha estrada que comparte o seu percorrido co Camiño Norte do Camiño de Santiago polo que é moi transitada por peregrinos.
“Vemos como esta estrada tamén está totalmente carente do mantemento necesario, así como da roza a mediados de agosto o que evidencia un total deixamento por parte do goberno da Deputación de Lugo”, criticou. A realidade é que as estradas da rede provincial dan unha imaxe “de abandono” mentres PSOE e BNG dende a Deputación “fan como que non vai con eles o mantemento da rede viaria”.
A maleza das cunetas invade, na maior parte dos casos, a calzada dificultando a visibilidade e poñendo en risco aos usuarios, especialmente en zonas onde se incrementa o volume de tráfico. É o caso de zonas turísticas da provincia coma A Mariña ou a Ribeira Sacra e tamén doutras que con motivo das patronais reciben máis visitantes. “Que dirán os turistas que nos visitan cando regresen as súas localidades de orixe?”, preguntou o popular.