O PP pide máis investimento para o Museo Provincial do Mar de San Cibrao

AMariñaXa
Os deputados apostan pola súa posta en valor “incrementando o investimento en difusión” porque “se non se difunde, non se coñece”
museo-provincial-do-mar
18 Ago 2024

O Museo Provincial do Mar, situado na antiga escola unitaria de San Cibrao, é o único destas características na provincia que “pon de relevo a importancia do mundo do mar para a comarca da Mariña”. Así o manifesta o portavoz popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, despois de visitar este espazo museístico xunto ao viceportavoz, Demetrio Salgueiro, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés.

É por iso polo que os deputados do Grupo Provincial Popular apostan pola súa posta en valor “incrementando o investimento en difusión” porque “se non se difunde, non se coñece”, acentúa. Ameijide explica que “nos consta que, coma en todo bo museo, neste tamén quedan moitas pezas aínda nos almacéns sen expoñer, e os lucenses e visitantes queremos e merecemos gozar delas” e por iso “é preciso que a Deputación busque máis recursos para poñer en valor todas estas pezas que están almacenadas e sen ser desfrutadas polos lucenses”.

O popular defende que “o Museo Provincial do Mar merece maior investimento por parte do goberno da Deputación de Lugo” toda vez que “na actualidade recibe unicamente un 0,17% do total do orzamento do ente provincial” que se corresponde cos gastos de persoal e mantemento, pero “sen que o goberno de PSOE e BNG faga ningún tipo de esforzo por promocionar a súa actividade e poñer en valor a súa singularidade”.

0.18789482116699