O PP pide ao Goberno prorrogar a bonificación ao carburante para o sector pesqueiro
O deputado do Grupo Parlamentario Popular de Galicia e presidente da Comisión de Pesca do Parlamento galego, José Manuel Balseiro, é partidario de prorrogar a bonificación de 20 céntimos por litro de combustible máis aló do 31 de decembro, data na que caduca esta medida.
Balseiro apela á "importante intranquilidade" que está a xerar no sector as "declaracións contraditorias por parte de representantes gobernamentais" acerca dun posible cambio de procedemento e insta ao Executivo que preside Pedro Sánchez a tomar unha decisión ao respecto “que non pode ser outra que a prórroga deste medida en 2023”
O popular indica que a pesar de que o prezo do combustible é algo menor nas últimas semanas, “segue a niveis altísimos”, un 68% máis caro que en xaneiro de 2021. A isto súmaselle o "agravante" de que nos próximos meses previsiblemente volverá encarecerse o diésel como consecuencia das medidas sancionadoras ao petróleo ruso recentemente aprobadas.
Balseiro recoñece que os populares terían apostado por un sistema máis áxil e permanente no tempo, como sería a redución inmediata dos impostos aos carburantes pero, unha vez desbotada esta medida polo Goberno de Sánchez o ideal é prorrogar o desconto actual dos 20 céntimos “a todos os consumidores en xeral e, moi en particular, aos transportistas e sectores primarios como o pesqueiro ou o gandeiro”
Balseiro di que, de non atenderse esta demanda, estarían dando “un golpe decisivo á frota pesqueira galega”, que xa sofre o impacto da veda das zonas de pesca, promovida polo comisario europeo ecoloxista, e o encarecemento xeneralizado das subministracións. “Hai que traballar para aliviar a difícil situación que está a atravesar. Non hai tempo que perder, nin razóns para non tomar esta decisión”- conclúe.
LEI DE PESCA
O portavoz de Pesca do GPP, Joaquín García Díez, afirma que “unha lei non demandada polo sector, inoportuna pola situación que actualmente atravesa, que xera gran inseguridade xurídica, que non achega ferramentas para abordar os principais problemas do sector pesqueiro, e que non contou coa súa participación, non pode recibir o respaldo do Partido Popular”
Sinala que o Goberno non facilitou o consenso que necesaria unha norma como é o proxecto de lei de pesca sostible e investigación pesqueira así como carece do consenso necesario, xera unha gran inseguridade xurídica e non beneficia ao sector
Subliña que esta lei non saíu como resposta a unha petición do sector, senón como proposta dun despacho ministerial. Neste sentido, subliña que o sector afirmou que esta norma non lles beneficia
Lembra que, durante a tramitación parlamentaria da lei, o sector asegurou no Congreso que non tivo participación, que o diálogo non existira e que non se lles escoitaron as súas reclamacións
Considera que o texto non chega nun momento oportuno porque estamos ás portas dunha nova reforma da política pesqueira común, nunha situación económica preocupante, e todo iso afectando a un sector que viu incrementados de forma moi sensible os seus custos de explotación á vez que cae o consumo dos produtos pesqueiros