O PP pide a retirada inmediata de escombros dos aparcamentos públicos en Foz
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Foz esixen ao Goberno local que “retire de inmediato” a escombreira localizada no aparcamento da Praza Trégastel na que, ademais de materiais de obras, hai todo tipo de residuos. O voceiro popular, Javier Castiñeira, explica que a maleza tamén medra sen control, “chegando a invadir propiedades privadas o que está a xerar molestias entre os veciños, que non entenden que o goberno local non tome cartas no asunto e limpe a zona para evitar todas estas molestias”.
Esta zona é un barrio residencial, no que os veciños ven como este aparcamento se converte nunha escombreira pública, “circunstancia da que os únicos responsables son Cajoto e os seus socios do BNG por permitir que estea nestas condicións”. O popular lamenta que “nesta situación tamén hai outros solares do municipio, afectados pola paralización desa obra pero tamén paralizados polo desleixo absoluto e falta de xestión do equipo de goberno que provoca malestar aos veciños”.
Neste senso, dende o Grupo Municipal Popular esixen a retirada inmediata dos escombros, non só por imaxe e salubridade, senón porque as prazas son moi necesarias. “Agora que vemos que as previsións indican que A Mariña pode bater récords de ocupación todos os estacionamentos son necesarios”, sinalou.