O PP pedirá o apoio da Deputación para impulsar a liña de ancho métrico entre Ribadeo e Ferrol
O Grupo Provincial Popular defenderá no pleno do martes unha iniciativa para instar ao Goberno de España a impulsar a liña de ancho métrico entre Ribadeo e Ferrol, de xeito que se corrixan os agravios contra Galicia e concretamente contra a provincia de Lugo.
O voceiro popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, fixo referencia á situación con respecto a outras autonomías. “Mentres noutras comunidades, como Asturias e Cantabria, disfrutan da gratuidade do servizo, pero Galicia non: é de xustiza ter un trato igualitario; ademais de que se realicen as melloras necesarias nesta infraestrutura”.
Neste senso, Ameijide afirma que urxe outorgar a Galicia as mesmas medidas compensatorias anunciadas para Asturias e Cantabria para minimizar os prexuízos derivados do atraso na renovación dos trens da liña ferroviaria de ancho métrico que operan na nosa comunidade e que aseguran aos usuarios a gratuidade do servizo ata a entrega das unidades de trens pendentes no contrato en curso.
Segundo sinalaron, a realidade é que a provincia de Lugo está totalmente illada en materia de infraestruturas por parte do Goberno de Pedro Sánchez e o ferrocarril é “un exemplo moi claro”. “Non só non vai chegar a Alta Velocidade á provincia de Lugo, senón que tampouco se está potenciando como se debe as vías que temos, como o FEVE. De impulsarse de xeito decidido sería un elemento vertebrador da mobilidade na Mariña lucense e un aliado perfecto para o turismo na zona”, explicou.
Plan de actuación
Para corrixir os agravios e dotar á provincia dun servizo de calidade, ademais de garantir un trato igualitario para Galicia, é preciso “aprobar en 3 meses un plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo, acompañado da necesaria modernización do material rodante na liña de ancho métrico co incremento de frecuencias que permitan atender adecuadamente a demanda de mobilidade dos usuarios”.
A realidade é que “non se está modernizando a vía, son frecuentes os cortes de vías, os atrasos, os problemas coas máquinas”, problemas que son “moi preocupantes e que seguen sen solucionarse por parte do Goberno do Estado”.
Antonio Ameijide é claro neste eido e afirma que se precisan solucións. “Pedimos que se nos trate igual que ao resto de autonomías, polo que reclamamos a gratuidade, melloras nas infraestruturas e, sobre todo, un servizo de calidade que permita o transporte de viaxeiros por toda a Mariña lucense”, afirmou “farto do ninguneo e malos tratos sistemáticos de PSOE e BNG á provincia de Lugo”.