O PP na Deputación presentará unha moción en defensa de Alcoa-San Cibrao
O grupo provincial do PP defenderá no próximo pleno ordinario da Deputación outra moción en defensa de Alcoa-San Cibrao e dos postos de traballo que xera, directa e indirectamente. Os populares dan así un paso máis en apoio dunha industria que constitúe unha peza fundamental da economía da Mariña e do conxunto da provincia de Lugo. O portavoz popular, Javier Castiñeira, di que ao PSOE lle toca demostrar o seu compromiso neste asunto, porque os feitos do Goberno presidido por Pedro Sánchez confirman que os xestos dos socialistas na provincia no que se refire a Alcoa son só iso, xestos baleiros de contido. A situación de Alcoa complícase cada día máis, di o portavoz do PP, mentres o Goberno central segue sen aprobar o imprescindible estatuto electrointensivo que garanta un marco estable de prezos da enerxía eléctrica asequibles, que lle permitan competir en igualdade de condicións coas outras empresas do sector en Europa.
Castiñeira sinala: “Unha vez máis defenderemos na Deputación unha moción que ten por obxectivo conseguir que o Goberno nacional adopte as medidas necesarias para garantir o futuro de Alcoa-San Cibrao, que é unha empresa absolutamente fundamental no tecido industrial de Lugo”. Na moción proponse ao pleno a adopción de acordo para instar ao Goberno a que aprobe o estatuto electrointensivo, que recolla as alegacións consensuadas entre Xunta, patronal e sindicatos, de maneira que fixe un prezo eléctrico estable e competitivo, que permita a Alcoa-San Cibrao estar en igualdade de condicións ás do resto dos países europeos. O Goberno presidido por Pedro Sánchez ten que adoptar as medidas necesarias para evitar o desmantelamento desta industria, de maneira que permita a Alcoa – San Cibrao operar nun escenario de certeza para garantir a súa competitividade e manter os empregos. A proposta de acordo inclúe instar ao Goberno a convocar de inmediato a chamada Mesa de Alcoa.
O portavoz popular pide aos socialistas que “deixen de enganar aos traballadores e aos veciños” e di que o Goberno practica unha transición enerxética fundamentalista, que, entre outras cousas, provocou o peche de Endesa-As Pontes. Cre que moitas decisións do Goberno constitúen “un ataque á industria galega”.
Igualmente, a moción popular inclúe unha declaración do propio pleno da Deputación na que expón “a súa decidida vontade de defender o emprego en Alcoa – San Cibrao e o apoio aos seus traballadores, aos das empresas auxiliares (en particular aos afectados polas solicitudes de E.R.T.E.) e aos dos contratados por medio de E.T.T. afectados pola baixa da produción”. Ademais, se a proposta popular sae adiante, solicitarase da empresa que cumpra os acordos, anteriores á crise provocada polo Covid -19, referentes aos traballadores contratados a través das E.T.T.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, recorda que o PP levou en todo momento a iniciativa política en defensa de Alcoa-San Cibrao. “O PSOE, como ocorre en moitos outros asuntos, chegou tarde e sempre con xestos baleiros de contido, porque os socialistas lucenses son incapaces de esixir de Pedro Sánchez que tome as medidas necesarias para garantir o futuro desta industria, e esas medidas resúmense nun estatuto electrointensivo no que se recollan as alegacións dos sindicatos e da Xunta, para crear un marco estable de prezos asequibles da enerxía eléctrica, que lle permitan competir en igualdade de condicións”. Engadiu: “O Goberno fai oídos xordos ao que se lle di e a situación de Alcoa é cada día máis comprometida, máis difícil”.
Castiñeira lembra que o pasado 23 de abril o grupo do PP foi o primeiro en falar co presidente do comité de empresa de Alcoa – San Cibrao e poñer enriba da mesa o afondamento dos problemas desta industria que afectan directamente aos traballadores das E.T.T. motivados pola falta dun estatuto para os consumidores electrointensivos e pola baixa produción derivada da crise provocada polo Covid -19. Igualmente destaca: “Posteriormente, mantivemos unha xuntanza cos representantes da plataforma dos traballadores das empresas auxiliares que nos mostraron a súa profunda preocupación, logo do anuncio realizado pola multinacional e que inclúe a parálise das cubas que xa están a piques de rematar a súa vida útil, sen que se lles realice a rebrascaxe para o seu posterior arranque; é unha medida que implica unha redución considerable na produción e, polo tanto, supón un aumento no risco de peche da planta de San Cibrao. Engadiu: “Chama a atención ver agora (onte) aos socialistas cos representantes dos traballadores; outra vez chegan tarde, mal e arrastro”.
Xunta de Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantiveron esta mañá un encontro por videoconferencia con representantes do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, aos que transmitiron unha vez máis o apoio da Administración autonómica.
Tal e como apuntou o conselleiro, a Xunta pide que o Goberno aborde, xunto ás centrais sindicais e os empresarios, a situación da industria electrointensiva na mesa do diálogo social, incluíndoa nas súas prioridades para que poida haber “unha solución inmediata para Alcoa San Cibrao”, do mesmo xeito que se lle está buscando unha solución a aspectos tan importantes como os expedientes de regulación temporal de emprego, a liquidez ou a sectores produtivos como o turismo e o comercio.
Conde subliñou que “estamos nunha situación límite na que non temos unha resposta nin unha concreción do prezo eléctrico” por parte do Goberno que poida permitir a viabilidade da planta lucense e dar unha solución ás 1600 familias que dependen dela.
O conselleiro indicou que “o Goberno non ten a situación de Alcoa na súa axenda industrial”, engadindo que “se non hai unha rectificación, estaremos ante un proceso de desmantelamento da industria do aluminio” en Galicia e tamén en España.