O PP lucense acusa ao PSOE de “falsear a realidade” sobre a vivenda pública na Mariña

O Partido Popular da provincia de Lugo criticou con firmeza as declaracións do PSOE sobre a situación da vivenda pública na Mariña e asegurou que “os socialistas falsean a realidade ao afirmar que non existen actuacións nin achegas por parte da Xunta neste ámbito”. Segundo explican, o Goberno galego “mantén en marcha programas e liñas de axudas que buscan garantir o acceso a vivendas accesibles en toda a comarca”.
Os populares subliñan que a Xunta convoca regularmente axudas directas destinadas aos concellos para promover a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal destinados a alugueiro social. Trátase de achegas que poden alcanzar os 50.000 euros por vivenda, ampliábeis ata 55.000 euros se se atopan en zonas vinculadas ao Camiño de Santiago e con 2.000 euros adicionais para áreas incluídas no plan Rexurbe. Na Mariña, Trabada e Ourol resultaron beneficiarios da última convocatoria, con 1 e 2 vivendas subvencionadas, respectivamente.
Ademais destas axudas, os concellos dispoñen do Fondo de Cooperación para a promoción de vivenda protexida, que funciona como un préstamo a fondo perdido con devolución flexíbel a oito anos e que permite impulsar a construción de vivenda pública. A Xunta tamén ofrece asistencia para a xestión de solo residencial nos municipios máis pequenos, facilitando así a posta no mercado de terreos destinados a proxectos de vivenda accesible sen que os concellos teñan que asumir toda a carga administrativa.
O PP remarca que estas ferramentas están activas e ao dispor dos concellos mariñáns, polo que consideran que a postura do PSOE “non só é errónea, senón unha tentativa de confundir á cidadanía con críticas interesadas”.
Programa Rexurbe
Os populares lembran tamén o papel do programa Rexurbe, orientado á rehabilitación de inmobles en cascos históricos. Os Orzamentos da Xunta para 2026 inclúen unha partida de 4,8 millóns de euros destinada a este programa en Ribadeo, Mondoñedo, Viveiro e Vilalba, o que, segundo o PP, “amosa o compromiso real e continuado do Goberno galego coa vivenda pública e coa recuperación urbana”.