O PP logra o apoio do Senado para recuperar San Bartolo e o PSOE fala de “vergoña de moción”

A Comisión de Transición Ecolóxica do Senado aprobou, cos votos da maioría popular, unha moción que insta o Goberno de España a recuperar en condicións de “seguridade e normalidade” os accesos á praia de San Bartolo, no municipio mariñán de Barreiros. O acordo chega tras anos de bloqueo administrativo e discrepancias entre o Concello e Costas do Estado sobre quen debía asumir a reparación do acceso, clausurado desde un desprendemento rexistrado no ano 2021.
O senador popular José Manuel Balseiro, encargado de defender a iniciativa, lamentou que en todo este tempo “nin se retiraran as rochas nin se consolidaran os acantilados”, unha situación que, ao seu xuízo, demostra “a falta de interese e a imprudencia temeraria” das administracións implicadas. Segundo explicou, o desprendemento que inutilizou a escalinata de acceso deixou sen solución durante máis de tres anos unha das praias máis emblemáticas do concello, “sen que nin o Goberno nin a alcaldesa fixeran nada por resolvelo”.
Balseiro subliñou tamén que a escasa sinalización de advertencia contribuíu a crear “situacións de risco”, especialmente durante o verán, cando se produciron novas fosas na zona. “Non é un problema de competencias, senón de vontade política. Esta deixadez supón un dano reputacional para o turismo de Barreiros e mantén unha ameaza para a seguridade das persoas”, afirmou o senador lucense.
Durante o debate, o PP rexeitou unha emenda presentada polo BNG que solicitaba a elaboración dun estudo xeotécnico do litoral. Balseiro cualificouna de “tomadura de pelo”, lembrando que ese estudo “xa fora prometido” tanto por Costas do Estado como polo propio Concello en novembro de 2024, “sen que se avanzara nada”.
Mogo critica a moción por “caduca e chea de falsidades”
As críticas non tardaron en chegar desde as bancadas socialistas. O senador César Mogo cualificou a moción popular de “vergoña” e asegurou que está “caduca, repleta de inexactitudes e con propostas inseguras”. Segundo explicou, o estudo xeotécnico ao que aludía o PP “xa está realizado e en fase de tramitación pola Dirección de Costas”, polo que a proposta dos senadores lucenses “é papel mollado”.
Mogo acusou a Balseiro de “non actualizar o texto” e de presentar unha iniciativa “que xa non ten sentido”. “Propón reabrir uns accesos sen coñecer as conclusións do informe técnico, cando o lóxico é agardar a que determine se é viable ou se hai que buscar alternativas que garantan a seguridade das persoas”, indicou.
O senador socialista reprochou tamén ao PP “difundir falsidades sobre a suposta falta de cooperación entre o Goberno e o Concello”. “Desde o primeiro momento houbo coordinación e vontade de traballo conxunto —engadiu—. O Ministerio de Transición encargou o estudo a proposta do propio Concello, e o delegado provincial de Costas mantivo informado ao goberno local.”
Mogo concluíu que esta moción “non serve aos veciños de Barreiros” e instou aos senadores do PP “a preocuparse pola grave situación da atención sanitaria na Mariña, en vez de aprobar mocións inútiles valéndose da súa maioría absoluta”.
“É unha iniciativa irresponsable e chea de patrañas —sentenciou—. Un exemplo de como non se debe facer política no Senado.”