O PP leva ao Senado a demanda dun segundo acceso a Ribadeo desde a A-8

O Partido Popular rexistrará no Senado unha moción para instar ao Goberno central a executar un segundo acceso a Ribadeo desde a autovía A-8, en dirección a Asturias. Trátase dunha reclamación que leva anos sobre a mesa e que conta co apoio de veciños e concellos da contorna, e sobre a que agora terán que posicionarse todas as formacións políticas.
O anuncio foi realizado polos senadores lucenses José Manuel Barreiro e José Manuel Balseiro tras unha reunión co alcalde, Dani Vega, e varios membros do equipo de goberno municipal, que levan tempo encabezando esta reivindicación “ante a que o Ministerio de Transportes segue facendo oídos xordos”.
Segundo Vega, o novo enlace permitiría “mellorar a mobilidade e a seguridade viaria, redistribuír o tráfico con destino á vila e xerar beneficios indirectos no turismo e nas comunicacións das empresas e negocios da zona”. Engade que a obra sería “tecnicamente sinxela”, xa que existe unha rotonda en Vilaselán que facilitaría a conexión, polo que “só se precisa orzamento e vontade política”.
Actualmente, os condutores procedentes de Asturias dispoñen de dous accesos, mentres que os que veñen de Galicia só contan cun. Para o PP, equilibrar esta situación melloraría a fluidez e evitaría saturacións nos tramos máis concorridos.
A proposta xa foi avalada no seu momento por todos os grupos políticos municipais —PP, BNG e PSdeG—, e os populares agardan que este consenso se traduza agora en compromiso real. Con maioría absoluta no Senado, o PP confía en que a iniciativa se converta nun mandato directo ao Executivo.