O PP lamenta que Viveiro "perda a residencia de Aspanane"
Viveiro perdeu a oportunidade de contar no municipio cunha residencia para persoas con diversidade intelectual pola que
levaban anos loitando dende a Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Viveiro (Aspanane) debido á “nula capacidade de xestión, liderado e peso político da señora Loureiro”, segundo a portavoz do PP, Mariña Gueimunde. A popular felicita á asociación, loa a xestión do Concello de Xove por xestionar e aprobar a cesión dunha parcela en apenas semanas e agradece á Fundación Amancio Ortega o investimento de 10 millóns de euros para a construción e a dotación de equipamento do centro residencial.
Gueimunde subliña, nese sentido, que “aínda non escoitamos o agradecemento público da alcaldesa e a tenente de alcaldesa ante este importante investimento para unha asociación do noso concello”. Os populares afean que “o goberno local leva arredor de 8 anos dando voltas, buscando culpables e escusas” e a realidade é que “a señora Loureiro e a señora Bermúdez deixan a Viveiro sen este servizo social. Escápaselle unha oportunidade. Viveiro perde servizos, postos de traballo e un importante investimento”.
Gueimunde lembra que “a rexedora socialista non foi capaz de negociar cun Goberno amigo como é o Goberno de España a cesión gratuíta do antigo colexio de Celeiro – propiedade do Instituto Social da Mariña dependente do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións- para o traslado da Escola Oficial de Idiomas (EOI) situada na segunda planta do edificio da rúa Lavandeiras permitindo usar a súa totalidade para habilitar a residencia”. É dicir, “nin o PSOE cre no proxecto de María Loureiro para Viveiro”. De feito, “non existen investimentos do Goberno no noso concello”.
“Dende o Partido Popular levamos moito tempo insistindo na necesidade de contar cun centro residencial destas características e presentando formalmente iniciativas nas distintas administracións co obxectivo de facer realidade a prestación deste servizo en Viveiro”, explica Gueimunde. Pola contra, “o Goberno local despreocupouse do tema de Aspanane e tampouco aproveitou a oportunidade cando en xaneiro do 2023 unha modificación normativa facilitaba a cesión de inmobles da Seguridade Social a Concellos e outras administracións de forma gratuíta”.