O PP lamenta que o goberno de Burela se negue a prorrogar o prazo para adaptar as terrazas

Un empate na votación do último pleno municipal deixou en mans da alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, a decisión sobre a proposta presentada polo Grupo Municipal Popular para ampliar o prazo de adaptación das terrazas á nova ordenanza municipal. A rexedora utilizou o seu voto de calidade para rexeitar a iniciativa, o que, segundo o PP, "deixa na corda frouxa aos hostaleiros e hostaleiras da vila".
A moción dos populares tiña como obxectivo proporcionar seguridade xurídica aos negocios de hostalaría que contan con terraza, prorrogando o prazo establecido por unha normativa aprobada o ano pasado polo propio goberno local. A ordenanza en cuestión outorgaba un ano para realizar as adaptacións esixidas, un período que xa se esgotou a mediados de abril sen que, segundo o PP, os establecementos puideran cumprir os requisitos.
O portavoz popular, Manuel Rouco, lamentou que “lonxe de amosar sensibilidade co sector, o goberno bipartito rexeitou unha solución sinxela que pretendía evitar conflitos legais e dar marxe de manobra aos empresarios locais”. Rouco tamén criticou que a alcaldesa afirmase no pleno que non aplicará de momento a ordenanza, decisión que cualificou de incoherente: “É paradoxal que recoñeza publicamente que non vai aplicar unha norma que ela mesma aprobou”.
Dende o Grupo Popular insisten en que xa advertiran no seu momento que o prazo dun ano era insuficiente e pouco realista. “Agora vese o resultado: unha normativa que ninguén pode cumprir, un goberno que non a quere aplicar e un sector que queda desprotexido”, apuntou Rouco, quen asegura que moitos locais poderían enfrontarse a sancións ou restricións de actividade debido a esta situación.
Os populares reprochan ao executivo local que “máis que facilitar a adaptación, está poñendo atrancos”, e sinalan que a modificación proposta era mínima, pero podería ter evitado un conflito innecesario. Rouco concluíu lembrando que “non se pode gobernar dicindo unha cousa e facendo a contraria, menos aínda cando hai en xogo o sustento de moitas familias burelás”.