O PP instan ao goberno local a recuperar para Viveiro o astrolabio

AMariñaXa
O PP denuncia o total desinterese de María Loureiro para recuperar para Viveiro o astrolabio, único no mundo
18 Apr 2022

O astrolabio náutico recuperado no chamado Pecio I de Viveiro, datado entre os anos 1575 e 1622, constitúe unha peza fundamental do patrimonio viveirense e "debe permanecer e ser exposto na cidade do Landro", dixeron os populares de Viveiro. Pero tan importante peza arqueolóxica non está en Viveiro, senón en Vigo, "a onde foi trasladado pola incapacidade do goberno local, presidido pola socialista María Loureiro, para acondicionar un espazo para a súa custodia e exhibición ao público".

O grupo municipal do PP anuncia a presentación dunha iniciativa no Concello para que o goberno local “faga dunha vez o que ten que facer para que o astrolabio estea en Viveiro exposto ao público”. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, afea ao equipo de goberno que no pleno, cando preguntaron por este asunto, para coñecer se había algunha previsión para acondicionar un espazo para o astrolabio, o tenente de alcalde afirmase: “Era o que nos faltaba, facer o garaxe antes de ter o coche

O grupo municipal do PP defendeu unha moción nunha recente sesión plenaria co fin de que a corporación acordara a creación dun centro de interpretación provisional, ubicado nas instalacións cedidas ao Seminario de Estudos Terra de Viveiro no edificio de cristal, ou noutras das que dispón o Concello e que reúnan as características adecuadas. Pero nada fixo o goberno local. Rodríguez sinala: “É inaudita esta maneira que ten a alcaldesa de non facer nada pola defensa dos intereses de Viveiro; o do astrolabio é un exemplo clarísimo, pero o problema afecta a todos os ámbitos de xestión”.

O portavoz popular indica: “Non imos parar de reclamar que se faga o necesario para que o astrolabio volva para Viveiro e que estea exposto ao público, debidamente custodiado. Chegaremos ata onde faga falta. Espero que cando presentemos a nova iniciativa no pleno, o goberno a apoie e se poña as pilas”.

Rodríguez ofrece a súa colaboración e a do seu grupo para que o astrolabio volva para Viveiro. “Xa dixemos onde se pode acondicionar un espazo para mostrar esta relevante peza, pero pode haber outras que sexan adecuadas. O caso é que estea en Viveiro e que a xente o poida ver, porque é parte do patrimonio deste concello”.

0.12323904037476