O PP insta ao goberno de Foz a crear unha senda peonil entre a basílica de San Martiño e o castro de Lelle
O PP insta ao goberno de Foz a cumprir os compromisos adquiridos e crear unha senda peonil entre a basílica de San Martiño e o castro de Lelle.
Así, o seu voceiro, Javier Castiñeira,dique"ter no territorio municipal unha basílica como a de San Martiño e, a 500 metros dela, un castro (Lelle) que está sendo obxecto de escavación, é un luxo que necesariamente ten que ser aproveitado polo Concello".
Castiñeira sinala que “estamos moi satisfeitos no grupo municipal do PP por como van os traballos de sondaxes e catas arqueolóxicas no castro de Lelle ou castro das Engrobias, traballos que son financiados con case 17.000 euros, a cargo do Plan de Catedrais de Galicia 2021-2027, do que lle tocan a San Martiño arredor de 450.000 euros. Moi satisfeitos porque é un proxecto iniciado polo Partido Popular, no ano 2017, que foi cando se compraron eses terreos, baixo un mandato popular, co fin de poñer en valor un castro tan importante como este”.
Explica o portavoz popular: “Xa na oposición, presentamos unha moción para que se puxera en valor, en outubro de 2019. Froito desa iniciativa, a Xunta de Galicia está a facer sondaxes arqueolóxicas e a posta en valor. Nesa moción incluíase unha responsabilidade para o Concello, que era unir mediante unha senda a basílica de San Martiño e o castro de Lelle, que están separados por menos de 500 metros”. Engade: “Pediamos que se incluíra ese proxecto no Plan Único do 2020; pero o equipo municipal de goberno (PSOE-BNG) non fixo absolutamente nada e no 2021, tampouco, e non hai moitas trazas de que pense facelo no 2022; non vemos que se estea elaborando un proxecto deste tipo”.
Os populares piden “ao equipo de goberno local que cumpra os seus compromisos para poñer en valor este conxunto histórico tan importante para Foz e se poña con esa senda cultural, histórica e turística, que una a basílica de San Martiño co castro de Lelle”. Demandan igualmente “que acabe de comprar os terreos que circundan o castro, e que se cree unha zona de estacionamento”. Castiñeira está convencido de que “será unha zona de grande interese e moi importante para toda A Mariña”.