O PP de Foz insta a Cajoto a presentar a proposta de orzamento anual

Foz
AMariñaXa
O PP insta a Cajoto a presentar a proposta de orzamento anual para Foz e consensuala coa oposición canto antes.
20 Apr 2021

Un dos mellores indicadores da calidade dos gobernos é a súa capacidade para conformar, debater e aprobar en tempo e forma os orzamentos municipais. Seguindo este criterio, o goberno local presidido por Fran Cajoto ten imposible entrar no grupo dos mellores, porque a estas alturas do ano aínda nada se sabe na oposición do proxecto das grandes contas municipais para o actual exercicio, camiño xa do mes de maio. O portavoz popular, Javier Castiñeira, denuncia a “parsimonia” do equipo de goberno Foz e reclama o inicio do debate do orzamento, así como un plan de emprego para o verán e a contratación de socorristas, canto antes.

Castiñeira sinala: “Desgraciadamente dende o grupo municipal do PP temos que denunciar a parsimonia do bipartito focense, do goberno PSOE-BNG, que é o goberno máis amplo que nunca tivo este concello, con dez concelleiros, dúas dedicacións a cargo do propio concello, máis unha que financia a Deputación, e seguimos sen orzamentos municipais”. Engade: “Pasado xa o primeiro trimestre, con orzamentos prorrogados, non son capaces, nun ano tan extraordinario como é o 2021, de aprobar o presuposto, a pesar de que que a actividade produtiva do municipio depende en grande medida da xestión do equipo de goberno; non son boas noticias. Pedimos ao  goberno municipal, ao alcalde señor Cajoto, que se espila e leve os orzamentos canto antes ao pleno e, sobre todo, que os consensúe, que faga xuntas de portavoces e escoite as opinións de todos os grupos, de maneira que a oposición poida aportar. O PP está absolutamente disposto a colaborar e aportar ideas”. 

O portavoz popular destaca que neste ano, extraordinario pola covid, non houbo axudas municipais para os comerciantes, “non houbo as axudas directas que necesitaban comerciantes e hostaleiros”. Castiñeira aclara que “a actividade se limitou a cousas moi simples; agora debemos preparar canto antes este verán”. E nos meses de verán, o Concello “non debería pasar por non ter un plan de emprego ambicioso, con máis de 200.000 euros, para traballar en adecentar a cidade e dar un servicio mellor en canto a limpeza viaria e de recollida de lixo, así como de limpeza de praias”. Puntualiza que “é necesario un plan de verán como se fixo na última parte do goberno popular”.

Castiñeira deixa claro que no grupo municipal do PP están “a disposición do  equipo de goberno para falar dos orzamentos municipais; hai que facelo xa, porque entre aprobalos e publicalos xa chega o verán, especialmente de cara ao plan de emprego, porque aínda haberá que convocar as probas selectivas”. Ademais -di- “é moi importante a disposición de socorristas; non podemos estar esperando a ver que nos dan, temos que anticiparnos e poñer riba da mesa prazas de socorristas, para telas convocadas antes de que empece o verán”.

0.16316986083984