O PP impide pedirlle a Portos a reversión a Burela dunha parcela en desuso
A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, lamentou que o PP votara en contra dunha proposta para pedirlle a Portos de Galicia que reverta no concello de Burela a parcela número 7 da Travesía do Porto, actualmente en desuso e nun estado “lamentable” para dedicala a uso xuvenil. Otero presentou esta iniciativa na mesma Comisión de Pesca do Parlamento na que o PP si que aprobou outra iniciativa socialista para axilizar a entrega aos concellos dos terreos de Portos en desuso.
A responsable socialista amosou a súa “sorpresa” pola actitude do PP, que evidencia que “unha cousa é o que din e outra o que fan”, ao negarse en redondo a unha proposta plantexada “polo ben da veciñanza”. Lembra que o terreo na práctica abandonado, de 1.900 metros cadrados, sitúase nunha “zona idónea” para un concello de apenas 8 quilómetros cadrados, que carece de instalacións acaídas para o lecer da xuventude.
Asegurou que “tampouco entendemos a actitude de Portos de Galicia” ao negarse a ceder unha parcela que “non están a usar nin están a coidar, nunha parcela que da unha imaxe de abandono e suciedade”. Lembra que o propio PP tamén se abstivera nunha iniciativa semellante no propio Concello de Burela alegando que o Concello non tivera solicitado a cesión do espazo, “pero si, porque de feito llelo denegaron”.
Diante dos argumentos do portavoz do PP, que repetía que o Concello non solicitara o terreo, a parlamentaria socialista presentou o documento do Concello rexistrado o pasado 19 de agosto “para a instalación dunha zona de ocio xuvenil”, así como a resposta de Portos de Galicia, do 17 de setembro, denegando a petición. A mesma sorte correu, lembrou, a petición de cesión do Miradoiro da Limosa, que tamén foi denegada por parte de Portos de Galicia.
Patricia Otero lembrou que a petición do espazo partía do propio Concello pero tamén de diversos colectivos sociais interesados, que respaldaban a iniciativa do goberno local para dispor dun parque para a xuventude. Dixo que “entre non ter nada e poderlle dar uso ao terreo é cuestión de falalo e de coordinarse entre as administracións polo ben da veciñanza”.
Pola súa banda, o PPdeG pide ao Concello de Burela que solicite formalmente a cesión da finca detrás do edificio de Capitanía Marítima “se ten interese real” en ser o titular.
“Desde o Concello de Burela fixeron unha solicitude para a instalación dunha zona de ocio infantil, unha demanda que non se puido atender por parte de Portos de Galicia porque non se poden autorizar usos distintos aos portuarios, pero o que si poden facer desde o Concello é solicitar a titularidade da parcela para que pase a ser municipal, trámite que a día de hoxe non está feito”, apuntan os populares.
Por outra banda, José Manuel Balseiro asegurou que tampouco consta ningún tipo de consulta ao sector pesqueiro sobre a idoneidade desta cesión, “e sería importante coñecer de antemán a súa opinión, xa que eses terreos poden ser necesarios no caso de ampliación das instalacións do porto ou para outros usos de interese pesqueiro”
TERREOS PORTUARIOS
A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para urxirlle á Xunta que lle “quite o freo de man” á cesión dos terreos portuarios en desuso para que revertan nos concellos que o soliciten. O parlamentario socialista Julio Torrado presentou esta iniciativa para pedirlle á Xunta que “deixe de entorpecer” ás entidades locais.
Torrado explicou que o PP se negara a apoiar unha iniciativa parlamentaria neste mesmo sentido presentada en 2018, que logo da intercesión da Fegamp “moveron algo a súa posición”, xa que pasaron a aprobala en 2020, se ven levan 8 meses adiando o seu cumprimento. O parlamentario socialista pediulle ao PP que clarificaran a súa postura nesta ocasión porque, parafraseando ao “escritor defraudador” Vargas Llosa, dixo, “hai que votar ben”.
O parlamentario socialista empregou a cita do dito escritor na convención do PP desta pasada semana, inmediatamente antes de coñecerse da súa implicación nos “papeis de Pandora”, que evidencian que empregou varias sociedades off – shore para evadir impostos. Torrado emprazara ao PP a “desempatar” na votación da sesión de hoxe, “e que non teñamos que ir a penaltis”.
A iniciativa aprobada hoxe empraza ao goberno galego a axilizar os trámites e “darlle continuidade ao acordo instado polo Parlamento de Galicia e a Fegamp, informando favorablemente en todos os casos que sexa posible e non repercutindo ningún custe extra para os concellos”. Puntualizou que os terreos deben ser cedidos “alí onde os concellos o soliciten” sen que teña que ser a Xunta quen decida “unilateralmente” que terreos propón para que sexan cedidos.