O PP esixe á Deputación que cumpra o compromiso de investir 1 millón de euros en Viveiro

O Grupo Provincial Popular reclamará no pleno da Deputación do vindeiro martes que se cumpra o compromiso adquirido polo presidente José Tomé durante a súa visita a Viveiro o pasado mes de febreiro, cando anunciou un investimento de 1 millón de euros para o municipio. Segundo denuncian os populares, máis de tres meses despois daquela promesa “os fondos seguen sen chegar aos veciños e veciñas”.
O voceiro do PP na Deputación, Antonio Ameijide, e o vicevoceiro, Demetrio Salgueiro, mantiveron esta semana unha reunión coa alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, na que analizaron a delicada situación económico-financeira do Concello. Os populares consideran que esta deriva é consecuencia directa da “nefasta xestión dos gobernos locais do PSOE e BNG nos últimos anos”.
“Temos constancia de que a Deputación chegou a colaborar economicamente co Concello mesmo para facer fronte a gastos correntes”, explican dende o PP. “Non obstante, moitos dos compromisos anunciados publicamente polo presidente provincial e o PSOE quedaron só en palabras”.
Como exemplo, sinalan o incumprimento da achega comprometida para o Conservatorio Profesional de Música, onde a Deputación debía asumir o 50% do custe anual, algo que, segundo afirman, non se está a cumprir.
Ademais, lembran que o actual goberno municipal, presidido por Gueimunde, ten que afrontar en 2025 unha herdanza de débeda acumulada superior aos 900.000 euros correspondente a facturas pendentes dos anos 2023 e 2024, subvencións non percibidas e expedientes sen proposta de gasto. “Un burato económico herdado do anterior executivo socialista-nacionalista que agora compromete o funcionamento do Concello”, denuncian.
Ameijide considera “inaceptable” que os viveirenses “teñan que cargar co peso dunha mala xestión pasada e, ao mesmo tempo, sufran agora o abandono por parte da Deputación”. Sinala que “PSOE e BNG non só cometeron erros ao fronte do Concello, senón que tamén castigan agora aos cidadáns dende o ente provincial, negándolles o apoio comprometido”.
Os populares recordan que a Deputación Provincial de Lugo ten como unha das súas principais competencias a cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes, como é o caso de Viveiro. Por iso, esixen que se garanta o apoio aos municipios “con criterios de igualdade e transparencia”.
Ademais, apuntan a que o incumprimento dos 15 puntos do pacto programático entre PSOE e XViveiro, así como a difícil situación económica, foron determinantes para que se aprobara a recente moción de censura no Concello viveirense.