O PP esixe á Deputación o arranxo inmediato da estrada de acceso á praia de Xilloi

AMariñaXa
Os populares denuncian o abandono dun treito de 1,3 km da LU-P-6405 no Vicedo e lembran que todos os grupos do Concello apoiaron por unanimidade a petición
Vicedo-PP-LU-P-6405-estrada-xilloi-2025
19 Jun 2025

Os deputados provinciais do Partido Popular reclamaron esta semana ao goberno bipartito da Deputación de Lugo, formado por PSOE e BNG, que execute de inmediato as obras de mellora e mantemento da estrada LU-P-6405 ao seu paso polo concello do Vicedo. Esta vía provincial, que rexistra un elevado volume de tráfico, especialmente durante o verán, é a principal conexión coa praia de Xilloi, un dos areais máis visitados da Mariña e con bandeira azul desde hai anos.

Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro e Javier Varela, xunto co alcalde do Vicedo, Jesús Novo, desprazáronse ao lugar para inspeccionar o estado da estrada e comprobar a urxencia da intervención. Durante a visita, confirmaron que solicitarán no próximo pleno provincial que se acometa o arranxo do treito que vai desde Vilasuso ata a estrada LU-862, uns 1,3 quilómetros que, segundo denuncian, foron ignorados nas actuacións anteriores.

Ameijide sinalou que “pedimos algo tan básico como completar o aglomerado en quente dun pequeno treito, unha demanda compartida por todos os veciños e avalada por dous acordos unánimes do pleno municipal”. Lembrou que xa en novembro de 2020 o Concello do Vicedo aprobou por unanimidade instar á Deputación a actuar “o antes posible” e que, ante a falta de resposta, o pasado 28 de maio reiterouse a petición, tamén con apoio de toda a corporación local.

O voceiro provincial do PP criticou a inacción do goberno provincial e preguntouse se “José Tomé, o PSOE e o BNG van atender esta solicitude como merecen todos os veciños do Vicedo ou se seguirán mirando cara outro lado, como levan facendo todos estes anos”. Para os populares, a situación actual da estrada representa unha discriminación inxustificada, tendo en conta que outras zonas da vía si foron melloradas no seu día.

Pola súa banda, o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, incidiu na “necesidade urxente” de actuar neste treito: “Non ten sentido que se asfaltase unha parte da estrada e se deixase sen tocar outro tramo de pouco máis dun quilómetro. É unha das vías máis importantes do concello, pois conecta directamente coa praia de Xilloi, que é un dos nosos principais atractivos turísticos e recibe milleiros de visitantes cada verán”.

Novo engadiu que, como ocorre con todas as estradas que levan ás praias da Mariña, a LU-P-6405 soporta un tráfico moi intenso durante os meses estivais, polo que garantir a seguridade dos seus usuarios é “prioritario”. Ademais do asfaltado, os deputados populares reclaman que se renove a sinalización vertical, se repinte a horizontal e se proceda ao desbroce das marxes para mellorar a visibilidade e o tránsito.

⚙ Configurar cookies
0.16618299484253