O PP esixe á Deputación de Lugo que defenda á frota mariñá tras o veto europeo á pesca de fondo

O Grupo Provincial Popular reclamará no próximo Pleno da Deputación de Lugo unha posición firme da institución en defensa da frota pesqueira da Mariña tras a recente sentenza do Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE), que desestima o recurso contra o regulamento europeo que impón 87 vedas á pesca de fondo no Atlántico Nororiental. A normativa, impulsada polo anterior comisario europeo de Medio Ambiente, foi criticada polos populares por non basearse en estudos científicos contrastados nin ter en conta o impacto socioeconómico sobre o sector.
Nunha reunión mantida recentemente en Celeiro con armadores e representantes do sector, os deputados do PP recolleron a preocupación das confrarías e das empresas afectadas, que lembran que “a frota da Mariña emprega artes de pesca como o palangre, de impacto moito menor que outras técnicas como o arrastre”. Con todo, denuncian que “á hora de establecer as restricións non se diferenciaron as artes, penalizando por igual a toda a pesca de fondo”.
A Mariña lucense, cunha tradición mariñeira centenaria, verase especialmente prexudicada pola vixencia deste regulamento. Máis da metade das embarcacións galegas afectadas teñen base na provincia de Lugo, que conta cos portos de Burela e Celeiro como referentes do sector a nivel estatal. Por iso, o PP pedirá que a Deputación inste ao Goberno de España a presentar un recurso de casación e a exercer presión ante as autoridades europeas para reformular a norma.
Os populares tamén propoñen que o Executivo estatal presente a información científica recompilada desde 2022 que permita confirmar ou descartar a existencia de ecosistemas mariños vulnerables nas zonas afectadas, así como o grao de impacto real das distintas artes de pesca. “Non se pode decidir dende os despachos de Bruxelas sen ter en conta a realidade mariñeira e económica dunha comarca coma A Mariña”, subliñan.
No Congreso e no Senado, os representantes do Partido Popular xa teñen rexistradas iniciativas para que o Goberno explique que actuacións levou a cabo nos últimos dous anos e se elaborou estudos propios sobre o efecto que o palangre de fondo pode ter sobre as zonas vedadas.
Neste mesmo sentido, a Xunta de Galicia, que participou como parte coadxuvante no procedemento xudicial europeo, xa solicitou unha xuntanza co novo Comisario de Pesca, Costas Kadis, para analizar conxuntamente alternativas que garantan o futuro da pesca galega. Desde o Goberno galego lembran que aportaron datos técnicos relevantes sobre o funcionamento da frota e que seguirán do lado do sector.
Dende o PP provincial insisten na necesidade de acadar “un equilibrio realista entre protección ambiental e viabilidade económica” e reclaman que Europa non lle dea as costas á xente do mar: “Queremos unha regulación sostible, pero tamén xusta, que respecte o modo de vida de milleiros de familias”.