O PP di que o proxecto de presuposto non responde ás necesidades de Viveiro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
“Chega tarde, é pobre, escaso, carente de imaxinación e totalmente inadecuado para actual conxuntura”.
3 Xuño 2020

“Chega tarde, é pobre, escaso, carente de imaxinación e totalmente inadecuado para actual conxuntura”. Así ve o grupo municipal do PP o proxecto de presuposto presentado polo goberno de Viveiro; os populares cren que, de novo, a alcaldesa, María Loureiro (PSOE), dá mostras da súa curta visión política e do papel que lle corresponde xogar á institución municipal nun momento tan difícil para os veciños.

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, considera que o proxecto de presuposto que presenta o equipo de María Loureiro non sería bo nin para un momento de normalidade, que non é o caso debido a crise sanitaria e as complicacións económicas que xera. 

Rodríguez comeza por destacar o feito de que o orzamento se someta a aprobación no mes de xuño. Unha vez máis, di, o goberno municipal foi incapaz de preparar o proxecto presupostario e aprobalo a final do ano pasado, para que entrara en vigor en xaneiro. “Que non aleguen que a crise sanitaria foi a causa, porque non vale; o orzamento ten que entrar en vigor a primeiros de ano, que é o que esixe unha xestión eficiente da economía do Concello”

O orzamento totaliza 14,2 millóns. O portavoz popular di: “Hai que destacar que non inclúe nin un só proxecto novidoso, algunha iniciativa que sexa o sinal de identidade das grandes contas do Concello para o actual exercicio económico. É claro que a crise provocada pola covid-19 esixe esforzos económicos para axudar aos cidadáns; aínda que sexan incapaces de recoñecelo, o goberno sabe que as medidas que se comprometeron a aplicar foron propostas polo PP. Pero unha cousa non quita a outra, porque precisamente polos malos tempos económicos que corren é preciso que os concellos deseñen e executen proxectos de obra nova; é imprescindible para mobilizar recursos que xeren emprego”.

Por outro lado, Rodríguez destaca que na proposta orzamentaria confírmase un recorte da partida para a asignación de subvencións a asociacións de todo tipo, un recorte especialmente prexudicial dadas as necesidades derivadas da crise sanitaria.

O PP lamenta que “unha vez máis a alcaldesa e o seu equipo non sexan capaces de estar á altura das circunstancias e cheguen tarde, mal e arrastro coa súa proposta orzamentaria; é outra ocasión perdida para Viveiro, especialmente grave na presente conxuntura”

0.099855184555054