O PP destaca a súa defensa polo sector pesqueiro galego en Foz
“O Partido Popular é a garantía para defender ao sector pesqueiro galego en Europa; fronte a un PSOE, coa candidata socialista máis ecoloxista, e ao BNG, aliado dos verdes que decidiron na Comisión Europea prohibir a pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Norte poñendo en risco o futuro de boa parte da flota mariñá, a perda de buques, empregos e alimentos de calidade”, segundo valorou Elena Candia.
Así mesmo, explicou que “un exemplo do peso que para o Partido Popular debe ter a pesca en Europa é a proposta para a creación dun Comisario específico”. Outra das súas propostas é a reforma da Política Pesqueira Común (PPC). A presidenta provincial definiu ao Partido Popular -durante a reunión comarcal celebrada en Foz coa participación do presidente local, Javier Castiñeira, alcaldes, portavoces e concelleiros da Mariña- como “o partido da xente do mar”.
Así, subliñou de cara ás eleccións europeas do vindeiro 9 de xuño, “a importancia de que o PP teña voz en Europa para defender o sector pesqueiro, punteiro na Mariña,” porque “o seu futuro depende das políticas comunitarias”. “Galicia é a principal zona pesqueira de Europa e, a través dos nosos representantes no Parlamento Europeo, trasladamos a realidade do sector defendendo o seu traballo, os seus intereses e a calidade dos produtos do mar dende o sentido común; fronte a outros partidos que cuestionan as artes de pesca que emprega a nosa xente do mar”, manifestou.
O Partido Popular conseguiu que o Regulamento de Control da Pesca fose máis realista e gradual, defendeu con éxito acordos pesqueiros entre a UE e terceiros países, pediu baixar o IVE dos produtos do mar e recoñecer ás confrarías, entre outros logros e propostas a favor da cadea mar-industria. Candia lembrou tamén, con respecto á incidencia do traballo do PP en Europa para os agricultores e gandeiros, que “foi o que propuxo flexibilizar os criterios da PAC -como o fin do barbeito, da rotación de cultivos e do caderno dixital obrigatorios- e o que logrou que a Comisión Europea se posicionara para rebaixar a protección do lobo”. Así, reivindicou “máis atención ao sectores primarios” atendendo ás dimensións económica e social e sen centrase, en exclusiva, en criterios medioambientalistas”.