O PP denuncia que a Deputación pretende cobrar 361 euros a un veciño de Mondoñedo por unha inundación causada por unha estrada provincial

AMariñaXa
Os populares acusan ao goberno de Tomé de "inxustiza" e esixen actuacións urxentes na LU-P-3103, que presenta deficiencias graves na canalización da auga desde hai máis de dous anos
Santa-Maria-Maior-(Mondonedo)-Lu-P-3103-vecino-factura-bombeiros-PP
19 May 2025

O grupo provincial do Partido Popular vén de criticar con dureza a decisión da Deputación de Lugo de pretender cobrar 361 euros a un veciño da parroquia de Santa María Maior, no concello de Mondoñedo, polos servizos de intervención dos bombeiros durante unha inundación rexistrada en xaneiro de 2023, a pesar de que o episodio foi causado polo desbordamento de auga debido á rotura da canalización dunha estrada provincial, a LU-P-3103.

O voceiro popular na Deputación, Antonio Ameijide, cualificou a situación de “insultante” e asegurou que “é a gota que colma o vaso”. Segundo indicou, “o goberno provincial de PSOE e BNG pretende que un veciño pague pola actuación dos bombeiros nunha emerxencia provocada por unha infraestrutura pública da súa competencia”. Para o PP, a prioridade debería ser “acometer as obras necesarias para evitar novas inundacións, non cargar aos veciños cos custos”.

Xunto co tamén deputado e alcalde de Mondoñedo, Manolo Otero, os representantes populares mantiveron esta semana unha nova reunión cos veciños afectados da zona da Braña, para avaliar a situación e ofrecerlles asesoramento xurídico e institucional. “Queremos axudarlles a que non se cometa esta inxustiza. Non poden ser eles os que asuman os erros de deseño ou mantemento da Deputación”, explicou Otero.

Desde o primeiro episodio grave, o 1 de xaneiro de 2023, tanto o Concello de Mondoñedo, como o Grupo Provincial Popular nos plenos provinciais de outubro de 2023 e xaneiro de 2025, e os propios veciños mediante recollida de sinaturas, reclamaron a reparación da canalización da drenaxe, con tubaxes de maior capacidade. Con todo, denuncian que case dous anos e medio despois, a canalización segue totalmente desfeita e as inundacións repítense con cada chuvia intensa, afectando vivendas, hortas e propiedades, así como a propia estrada.

O PP sostén que os problemas derivan dun mal deseño da infraestrutura, agravado por obstrucións e falta de mantemento, e denuncia ademais que o firme da estrada está deteriorado noutros puntos, sen que se acometera a súa reparación cando se mellorou o resto da vía.

Por todo isto, os populares esíxenlle ao presidente da Deputación, José Tomé, e ao seu goberno, que actúen con urxencia e acometan as obras necesarias para garantir a seguridade de persoas e bens, incluíndo unha nova canalización de drenaxe lonxitudinal e transversal, a reparación do firme e das varandas, así como un mantemento regular das cunetas.

⚙ Configurar cookies
0.1383318901062