O PP denuncia o atraso nas obras do cuartel de Burela

AMariñaXa
Deputados lucenses critican a “incapacidade” do Goberno de Sánchez para executar a rehabilitación prometida e reclaman a cobertura de prazas vacantes
Burela-reunion-PP-Cuartel-Next-Generation-2026
30 Jan 2026

Os deputados nacionais do PP lucense, Jaime De Olano e Francisco Conde, expresaron a súa preocupación pola falta de avances no cuartel da Garda Civil de Burela, cuxa rehabilitación integral foi prometida a finais de 2021 cun investimento de 7,7 millóns de euros financiado polos fondos do Plan de Recuperación Next Generation. Segundo os populares, nestes catro anos non se realizaron actuacións significativas, malia as reiteradas peticións de información da Asociación Unificada de Gardas Civís (AUGC).

De Olano e Conde esixiron que se acometa a rehabilitación completa do acuartelamento, tanto interior como exterior, e que se cubran as seis prazas vacantes, mellorando así os medios humanos e materiais dispoñibles para garantir un servizo de calidade aos cidadáns. Ademais, o Grupo Popular no Congreso propón recoñecer a profesión de risco para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e revisar os procedementos de xubilación anticipada.

No ámbito migratorio, os deputados lucenses cuestionaron a regularización de inmigrantes promovida polo Goberno, asegurando que se trata dunha “cortina de fume” e reivindicando un plan baseado en regras claras, cooperación internacional e control estrito das fronteiras para protexer a seguridade e evitar abusos das redes de tráfico de persoas.

⚙ Configurar cookies
0.090473175048828