O PP denuncia o abandono das beirarrúas en Foz

O Partido Popular de Foz, a través do seu voceiro Javier Castiñeira, volve a mostrar a súa preocupación pola xestión urbanística do goberno municipal encabezado por Cajoto, ao que acusa de actuar “sen planificación, sen criterio e cun resultado claramente prexudicial para a imaxe do municipio”.
Como exemplo desta situación, Castiñeira sinala as actuacións recentes nas beirarrúas, onde se están a instalar elementos que cualifica como “neo xardineiras”. Segundo explica, “presentan un estado lamentable, sen rematar, sen coidado e sen ningún tipo de criterio estético”, engadindo que “están cheas de malas herbas e transmiten unha imaxe de abandono impropia dun concello como Foz”.
O PP destaca que esta situación non só preocupa á veciñanza, senón tamén aos visitantes: “son moitos os turistas que nos trasladan a súa sorpresa ao ver obras recentes en estado de abandono, o que prexudica gravemente a imaxe do noso pobo”.
RESPOSTA A INÉS COUTO
Por outra banda, Castiñeira respondeu ás declaracións da tenente de alcalde, Inés Couto, criticando “o ton e a falta de respecto nas súas intervencións públicas”. Neste sentido, sinala que “a estratexia de insultos e descalificacións non fai máis que evidenciar a ausencia de argumentos e de proxecto por parte do goberno local”.
“O señor Cajoto debería centrarse en gobernar e escoitar á veciñanza, en lugar de utilizar á súa número dous para facer oposición da oposición”, engade o portavoz do PP, quen reivindica “o papel construtivo do Partido Popular á hora de propoñer melloras e solucións”.
Finalmente, o PP de Foz esixe ao goberno municipal “máis rigor, máis planificación e máis responsabilidade na execución das obras públicas”, reclamando “que se rematen correctamente e que se garantice o seu mantemento” para evitar “situacións de abandono como as que estamos a ver actualmente”.