O PP denuncia irregularidades no contrato de limpeza de Burela

O Grupo Municipal do Partido Popular en Burela volveu poñer de manifesto no último pleno a súa preocupación pola xestión do contrato de limpeza das instalacións do Concello, especialmente nos centros escolares. Segundo os populares, dende o inicio do mandato da alcaldesa Carmen López Moreno, este servizo renovouse de forma tácita sen cumprir a Lei de Contratos do Sector Público, mantendo á empresa adxudicataria sen unha licitación pública transparente.
Os concelleiros do PSOE e do BNG, "con consentimento da propia alcaldesa, rexeitaron a proposta do PP de resolver a situación e adaptar o contrato á legalidade, limitándose", segundo os populares, "a cuestionar e insultar ao portavoz do grupo". Esta actitude evidencia, segundo o PP, a “total e absoluta carencia argumental” do Goberno local.
O portavoz popular destacou tamén problemas concretos derivados desta xestión, como a falta de papel hixiénico nos centros escolares e a decisión de reducir o seu subministro pola precariedade das renovacións sucesivas. “A señora López Moreno sabe que está a vulnerar a lei, e segue facéndoo. Isto é, en palabras que calquera veciño entendería, prevaricación”, subliñou o grupo.
O PP insiste en que a correcta xestión do contrato, mediante licitación pública inmediata, non só garantiría a legalidade senón tamén a calidade do servizo que reciben as escolas e as instalacións municipais, e demanda unha actuación urxente do Goberno local para corrixir esta situación.