O PP denuncia ante o Valedor do Pobo ao Goberno de Llano

AMariñaXa
O Grupo Municipal Popular de Burela denunciou diante do Valedor do Pobo "a total falta de transparencia do goberno de Llano".
20 Feb 2021

O Grupo Municipal Popular de Burela denunciou o venres diante do Valedor do Pobo "a total e absoluta falta de transparencia do goberno presidido polo señor Llano".

“Das 23 solicitudes de información rexistradas dende o inicio da pandemia non se deu resposta de ningún tipo a 15”, sinalan os populares. Engaden: “Esta situación xa lle foi indicada publicamente ao alcalde nalgunha comisión e recollida na correspondente acta plenaria, cando menos, nun par de ocasións durante o pasado ano, advertíndolle que a súa actitude non ía a quedar sen consecuencias”.

Os populares tamén aclaran que “das 8 solicitudes ás que se lle deu resposta, tan só a metade foron feitas polas vías axeitadas ao procedemento”. A este respecto, indican: “O resto delas foron contestadas fóra de prazo. Debemos aclarar que o señor Llano ten 5 días hábiles para responder ás solicitudes de información que se lle presenten, tal e como marca a normativa; nós recibimos a metade das contestacións con retrasos comprendidos entre 2 e 5 meses”.

“Cónstanos que non somos os únicos aos que lles está a pasar esta situación, tal e como nos deron traslado no seu día; tanto algúns particulares como algunhas asociacións e colectivos tamén están a sufrir as malas formas do “goberno” do señor Llano, aos que lles está dando resposta ás súas solicitudes, ou ben con semanas ou meses de retraso, ou ben directamente déixaos sen resposta”. Isto, segundo os populares, viría a demostrar que está é unha práctica máis habitual do que parece no goberno presidido por Llano.

“Calquera que o desexe, a día de hoxe, pode comprobar no portal de transparencia do Concello de Burela a ausencia de numerosa documentación que obrigatoriamente debe de estar á disposición de calquera veciño ou veciña da nosa vila”, manifestan os populares.

No PP preguntan: “Se as súas actuacións son tan impecables como din, por que non responden?; que é o que ten que ocultar o “goberno” de Llano?”. Anuncian: “Non imos deixar pasar por alto esta actitude tan antidemocrática que está a vulnerar o dereito fundamental dos veciños de Burela que é o acceso á información”.

0.21051383018494