O PP denuncia a falta de avances na EDAR de San Miguel de Reinante

AMariñaXa
Os senadores populares acusan ao Goberno de evitar compromisos sobre financiamento e prazos
balseiro
29 Mar 2025

Os senadores do Partido Popular denuncian a falta de avances na construción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Miguel de Reinante, en Barreiros. Segundo afirman, a resposta do Goberno central ás súas preguntas sobre o estado do proxecto foi “decepcionante” e demostra unha “total falta de compromiso” coa infraestrutura.

Os populares José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano solicitaron recentemente información sobre o financiamento da EDAR, os prazos de execución e a posible cofinanciación da obra. Con todo, explican que a única resposta recibida por parte do Executivo foi que existen contactos preliminares entre o Concello e a sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España (Acuaes) para avaliar as necesidades do municipio e estudar a viabilidade do proxecto.

“Non hai ningún compromiso real. O Goberno de España non aclara nin se hai orzamento, nin cando se executará a obra, nin sequera se haberá cofinanciamento. Están a marear a perdiz sen dar solucións concretas”, critican os senadores do PP.

Desde o Partido Popular aseguran que esta falta de concreción crea incerteza entre a veciñanza, que leva anos esixindo unha solución para a xestión das augas residuais. “Levamos demasiado tempo escoitando promesas, pero os feitos seguen sen chegar. Oxalá se faga, pero neste momento o único que temos é indefinición e palabras baleiras”, insisten.

Os senadores populares reclaman que o Goberno actúe con responsabilidade e detalle con claridade cales son os seguintes pasos para que a EDAR de San Miguel de Reinante sexa unha realidade canto antes.

⚙ Configurar cookies
0.060379981994629