O PP defende a creación dun plan integral de formación náutico pesqueira na Mariña

TerraChaXa | AMariñaXa
O deputado popular, Daniel Vega, defendeu esta tarde no Parlamento o desenvolvemento dun plan integral de formación náutico pesqueira para a Mariña lucense, no que se contemple a emisión de Certificados de Profesionalidade.
9 Jan 2019

O deputado popular, Daniel Vega, defendeu esta tarde no Parlamento o desenvolvemento dun plan integral de formación náutico pesqueira para a Mariña lucense, no que se contemple a emisión de Certificados de Profesionalidade. Do mesmo xeito, avogou por analizar a implantación nos centros existentes de ciclos de formación náutico pesqueira e da FP Dual, como xa está a funcionar no resto da comunidade nesta especialidade. Precisamente, durante a súa intervención, Vega avanzou que o Grupo Popular presentará no vindeiro pleno unha proposición non de lei recollendo estas demandas.
Daniel Vega salientou a forte aposta que o Goberno galego está a facer por unha formación náutico pesqueira de calidade, que se traduce “en máis de nove millóns de euros asignados”. Nos dous últimos anos, as contías destinadas a este fin medraron preto dun 8%, un 32% desde o 2015.
Acusou á oposición de mentir, xa que se ofrece formación na área da Mariña e destacou que, no último ano, téñense realizado máis de nove cursos; e que, antes de finalizar este 2018, realizaranse outros tres.
Dixo, ademais, que na actualidade existen en Galicia catro centros que imparten formación en materia marítimo-pesqueira; ademais do Instituto Galego de Formación en Acuicultura –dependente da Consellería do Mar- onde tamén se ofertan ciclos. Lembrou, tamén, que A Mariña lucense conta con dúas aulas de formación pesqueira, unha situada en Burela e outra en Celeiro. Neste senso, indicou que a oferta formativa cobre a demanda actual.
ESCOLA NÁUTICA PESQUEIRA NA MARIÑA
Por outra banda, amosouse sorprendido porque o Grupo Socialista propoña agora unha escola náutica-pesqueira na Mariña, un proxecto formulado polo PPdeG que foi paralizado durante o Goberno bipartito. Para Daniel Vega, “isto pon de manifesto a súa mala conciencia”.
Tal e como dixo, o Goberno galego conformado por socialistas e nacionalistas “non só paralizou este proxecto, senón que ademais puxo en dúbida a necesidade real de contar con estas instalacións”. “É máis, tanto no 2007 coma no 2008, votaron en contra da inclusión desta proposta, primeiro no Debate sobre o Estado de Autonomía, e, un ano máis tarde, nos orzamentos”, engadiu.
PARTIDO SOCIALISTA
Pola súa banda, a deputada socialista Patricia Otero acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de “marxinar” á Mariña lucense e “negarlle servizos” ao rexeitar o reforzamento da formación náutico – pesqueira. Así o dixo no debate dunha proposición no de Lei que presentou hoxe no Pleno do Parlamento e que será votada mañá mércores, pero á que o PP xa adiantou hoxe o seu rexeitamento.
A deputada socialista advertiu que durante o ano 2018 tan só foron impartidos 5 cursos, que resultan “absolutamente insuficiente”. Así foi admitido pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que nunha recente intervención en Comisión parlamentaria admitiu que “moita xente tiña que optar por cursos de pago ou trasladarse a outras comunidades autónomas” para completar a súa formación.
Otero explicou que a día de hoxe non hai na comarca ningún centro que imparta FP Marítimo – Pesqueira, cando todos están concentrados en A Coruña e Pontevedra, actualmente non se imparte ningún Certificado de Profesionalidade do sector na Comarca da Mariña, e os cursos que impartía a Delegación de Pesca teñen desaparecido.
Ademais, os alumnos de teleformación da Consellería do Mar teñen que desprazarse a Coruña e Pontevedra a examinarse, e a oferta formativa mesmo obriga a revalidar os cursos fora de Galicia, obrigando aos mariñeiros a investir un tempo e un diñeiro dos que moitas veces non dispoñen.
Otero apuntou que o sector pesqueiro é un dos principais motores económicos da Mariña, que alberga dous os principais portos de Galicia, os de Burela e Celeiro, e moveu 127 millóns de euros en lonxa no ano 2017, o que supón o 26 por cento do total de Galicia, o que fai da Mariña “unha das grandes lonxas de Europa”.

0.16192889213562