O PP de Viveiro urxe á alcaldesa a xestionar canto antes a cesión do peirao vello
O peirao vello de Viveiro presta un servizo fundamental á cidade como aparcadoiro, así, o Concello solicitou a Portos de Galicia a cesión dese terreo. O pasado 21 de abril Portos respondeu deixando clara a súa vontade de establecer un convenio polo que o Concello regule e se faga responsable da superficie mentres se tramita a posible reversión dos terreos a Costas que, á súa vez, os trasladará ao Concello.
"A día de hoxe", segundo indica o portavoz popular, Óscar Rodríguez, "o convenio segue no caixón da alcaldesa, mentres os usuarios do aparcadoiro están cada vez máis fartos das deficiencias que presenta este espazo". Rodríguez anuncia que o PP levará de novo este asunto ao pleno, na próxima sesión, e urxe á alcaldesa a tramitar canto antes a firma do acordo.
O portavoz popular lembra que “o 4 de decembro de 2019, o grupo municipal do PP de Viveiro presentou no pleno unha moción para que o Concello solicitase a Portos a cesión do peirao vello de Viveiro”. Destaca que os populares xa falaran con Portos, “que estaba en disposición de ceder o peirao vello gratuitamente”; o Concello faríase cargo do mantemento, vixilancia e da urbanización.
Rodríguez sinala que "esta moción saíu adiante coa abstención do PSOE e do BNG. Con data do pasado 21 de abril, Portos enviou un borrador de convenio para ultimar a cesión, que sería totalmente gratuíta. Hai que destacar que Portos de Galicia é un ente público empresarial adscrito á Consellería de Mar, e procura por medio dun convenio que sexa o Concello o que se encargue do mantemento do espazo, dado que outra alternativa sería promover a xestión privada da superficie”.
A preocupación dos populares vai en aumento porque, como indica Óscar Rodríguez, “estamos rematando xuño e o convenio sigue no caixón da alcaldesa e sen firmar”. Por iso anuncia que o grupo municipal do PP vai “reclamar de novo, no próximo pleno, que se firme ese convenio para que ese espazo de uso público que é o peirao vello de Viveiro poida estar nas condicións axeitadas”.