O último pleno do Concello de Viveiro aprobou unha iniciativa presentada polo Partido Popular para instar á creación dun Foro Económico que analice a situación económica local e propoña medidas de reactivación. A proposta contou co apoio do grupo XViveiro e as abstencións de PSOE e BNG. Mariña Gueimunde, portavoz do PP, destacou que esta iniciativa xa formaba parte do acordo programático entre o PSOE e XViveiro para investir á alcaldesa María Loureiro, polo que cualificou a abstención socialista como un indicio de falta de compromiso cos acordos pactados.
Segundo Gueimunde, o obxectivo do foro é buscar solucións ante a crise económica local, agravada polo peche de industrias e as dificultades que atravesan os comercios, autónomos e pequenas empresas da zona. Por outra banda, o PP expresou a súa oposición ao recoñecemento extraxudicial de crédito presentado polo goberno local, que inclúe facturas por valor de 125.275 euros correspondentes ao ano 2023. Gueimunde criticou a falta de claridade nalgúns dos gastos, como os 6.300 euros destinados á limpeza de praias en novembro, e denunciou que este procedemento está a "condicionar gravemente as inversións futuras", dado que o total de facturas pendentes supera o millón de euros.
Ademais, o PP presentou un rogo relacionado co programa de conciliación familiar Madrugadores, denunciando que o Concello de Viveiro non solicitou axudas dispoñibles da Xunta para este fin, o que, segundo Gueimunde, evidencia a falta de interese do goberno bipartito pola conciliación familiar. O Partido Popular criticou a xestión do executivo local e insistiu na necesidade de adoptar medidas urxentes para mellorar a situación económica de Viveiro.