O PP de Viveiro reclama melloras nas beirarrúas e aparcadoiros de Celeiro
O portavoz popular de Viveiro, Óscar Rodríguez, reclama ao goberno local de Viveiro a mellora das beirarrúas de Celeiro e a ordenación dos aparcadoiros.
"O estado das infraestruturas e a ordenación urbana definen a calidade dunha cidade e fan que sexa máis ou menos atractiva para propios e visitantes. En Celeiro, o abandono sistemático e sostido no tempo a que someteu o Concello de Viveiro a esta importante zona urbana tivo como consecuencia que na actualidade se dea un estado lamentable dalgunhas das infraestruturas viarias e notables deficiencias na súa ordenación", di o popular. O grupo municipal popular defenderá no próximo pleno unha moción para reclamar a redacción dun proxecto técnico, que teña en conta as necesidades dos veciños, para acometer as obras necesarias con cargo ao orzamento do ano 2022.
O presidente da xunta local do PP, Óscar Rodríguez, visitou con directivos da organización que preside, residentes en Celeiro, algúns puntos da trama urbana. Os populares din que “dende hai meses os veciños e comerciantes da fachada marítima de Celeiro veñen queixándose do mal estado e da falta de ordenación urbanística da mesma”. Engaden: ”Sabemos que parte do espazo é municipal e parte de concesión portuaria, pero cremos que existen posibilidades de acometer esta ordenación e que as beirarrúas queden en condicións óptimas e as prazas de aparcadoiro debidamente ordenadas”.
Os populares esperan que, por unha vez, "o goberno municipal decida saír da súa zona de confort, apoie a moción e se poña a traballar para sacar adiante as obras que propoñen, e mellorar desta maneira a calidade de vida dos veciños, a imaxe da cidade e crear as condicións para atraer máis visitantes".