O PP de Viveiro reclama a repavimentación da rúa Granxas

AMariñaXa
O PP de Viveiro apoia as reivindicación dos veciños da Rúa Granxas e reclama a repavimentación da deteriorada calzada desta vía
pp VIveiro fochanca rua granxas
10 Dec 2021

Os populares de Viveiro apoian as reivindicación dos veciños da Rúa Granxas para a repavimentación da deteriorada calzada desta vía.

"O visitante ten tres ou catro perfís urbanos cos que se fai a súa composición de como é a cidade á que chega. O estado de calzadas e beirarrúas é un deses perfís. No caso de Viveiro, a idea que saca o visitante non é especialmente boa, senón todo o contrario. E o peor é que os veciños de Viveiro teñen que sufrir no día a día as molestias do mal estado de moitas das rúas. É o caso dos veciños da Rúa Granxas, en Covas, onde se pon claramente de manifesto a desidia coa que atende as súas obrigas de xestión o goberno local", di o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que expresa o seu total apoio ás reivindicacións dos veciños.

O portavoz do PP sinala: “A Rúa Granxas é unha das máis céntricas de Covas e está moi preto do paseo marítimo; é dicir, por ela pasa moita xente, tanto veciños de Viveiro como visitantes que padecen o mal estado no que se atopa esta vía”. Os populares explican que a calzada está moi deteriorada, ata o punto de que, cando chove, se forman pozas que resultan molestas para o tráfico rodado, pero tamén para o peonil.

Rodríguez declara: “Había algúns buratos tan grande que ata o goberno local se deu conta de que algo tiña que facer. E mandou tapar algunha fochanca, pero tapárona de maneira totalmente chapuceira, polo que nin vai durar nin acaba coas incomodidades para a circulación”.

Os populares defenderán unha iniciativa na próxima sesión plenaria para instar ao goberno a adoptar as medidas necesarias para proceder a substituír o pavimento da Rúa Granxas.

0.16843700408936