O PP de Viveiro quere buscar a fórmula para crear a residencia de Aspanane
O PP de Viveiro solicita un pleno extraordinario para buscar a fórmula que permita crear a residencia de Aspanane, segundo o seu voceiro Óscar Rodríguez, "a política local ten que servir para solucionar os problemas dos veciños, especialmente dos que son máis vulnerables".
No caso dos acollidos á Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspanane), "cada día é máis urxente solventar o problema residencial". Con este fin, o grupo municipal do PP solicita a convocatoria dun pleno extraordinario, co obxectivo de instar ao goberno local a xestionar a firma dun convenio que desenvolva o acordo perfilado en 2019 para a creación da residencia de Aspanane o primeiro piso do edificio no que ten o seu local na planta baixa; esa primeira planta está ocupada pola Escola de Idiomas que, segundo o acordo aludido, debería ser trasladada a antiga escola de Celeiro. No caso de que tal opción, finalmente non fora posible, o PP insta ao equipo presidido pola socialista María Loureiro a facer as xestións oportunas para buscar outra solución.
O portavoz dos populares en Viveiro lembra que no ano 2019 elaborouse un borrador de convenio a tres bandas: Deputación, Concello e Xunta. A Administración autonómica encargaríase de acondicionar a antiga escola de Celeiro para a Escola de Idiomas. O edificio pertence a tesourería da Seguridade Social. Cando se solicitou a cesión do inmoble, a Seguridade Social demandou o abono de 700.000 euros. Rodríguez sinala: “É algo inaudito, porque en moitos outros concellos, a Seguridade Social cedeu os locais sen custo algún; foi unha demostración do pouco peso que ten a alcaldesa socialista no PSOE. En todo caso, o asunto leva durmido varios anos e é preciso tomar decisións, porque o tempo xoga en contra”.
Rodríguez di que se a opción que estaba prevista non é posible, é necesario buscar outra fórmula e o goberno local ten que xogar o papel que lle corresponde neste asunto.