O PP de Viveiro propón rehabilitar o edificio do parque Pernas Peón

AMariñaXa
Os concelleiros do PP explican que “o edifico municipal se atopa en estado de semiabandono dende que os últimos adxudicatarios cesaron a súa actividade”
Parque-Pernas-Peón-Viveiro
1 Ago 2024

Os concelleiros do PP apostan por impulsar a rehabilitación do edificio municipal do parque Pernas Peón e o trazado da vía que discorre paralela á praia de Covas. Así o trasladarán ao vindeiro Pleno no que instarán ao equipo de goberno municipal a realizar o mantemento oportuno e as melloras necesarias para adaptar o edificio do parque Pernas Peón e poder sacalo a licitación más pronto que tarde.

Igualmente, propoñen que o goberno do Concello realice os trámites oportunos coa Administración estatal competente para esixirlle a reparación da zona de rodadura ao longo da praia de Covas ata Os Castelos e que dita actuación se contemple nos Presupostos Xerais do Estado para o 2025.

O parque Pernas Peón é unha das paraxes naturais máis características e populares do noso concello que linda ao norte coa praia de Covas, paseo marítimo por medio. É un enclave privilexiado ao aire libre apartado da zona residencial e susceptible de novos usos de carácter lúdico, de lecer, deportivo e de esparexemento en comuñón e respecto co medioambiente.

Este espazo dispón dun edificio municipal, pero “na actualidade atópase en estado de semiabandono desde que os últimos adxudicatarios cesasen na súa actividade” e “sen visos de novos proxectos de goberno que puxesen en valor o potencial da edificación, sen pregos de contratación, investimentos ou obras de reparación, adecuación e conservación á vista”.

O goberno bipartito PSOE-BNG anunciaba hai uns meses a súa intención de intervir o parque. Concretamente, propoñía a dotación de espazos deportivos con zona de baloncesto e taboleiros de xadrez pintados nas vellas mesas. Pero, “aínda non se materializou e finalmente sacou a licitación un expediente de contratación para a actuación “Apertura do parque Pernas Peón ao litoral”, segundo un proxecto redactado por un enxeñeiro paisaxista, por un importe de 105.000 euros.

Esta actuación será sufragada cunha axuda financiada con fondos europeos en réxime de concorrencia non competitiva para actuacións de embelecemento do litoral galego que a Xunta concedeu ao Concello. Desde o PP cren que “este espazo necesita atención e toda actuación que se desenvolva deberá acompañarse doutras intervencións na contorna que sen dúbida dignificarán o parque e a memoria de quen lle dá nome”, inciden.

0.15767288208008