O PP de Viveiro propón a creación dun centro de interpretación do astrolabio

AMariñaXa
O astrolabio náutico recuperado no chamado Pecio I de Viveiro constitúe unha peza fundamental do patrimonio viveirense
astrolabio nautico pecio
22 sep 2021

O astrolabio náutico recuperado no chamado Pecio I de Viveiro, datado entre os anos 1575 e 1622, constitúe unha peza fundamental do patrimonio viveirense e "debe permanecer e ser exposto na cidade do Landro", así o entende o grupo municipal do PP, que defenderá unha moción na próxima sesión plenaria co fin de que a corporación acorde a creación dun centro de interpretación provisional, ubicado nas instalacións cedidas ao Seminario de Estudos Terra de Viveiro no edificio de cristal, ou noutras das que dispón o Concello e que reúnan as características adecuadas.

Os populares propoñen tamén que, antes do 11 de outubro, se inste á Dirección Xeral de Patrimonio para que o Astrolabio quede en Viveiro ou sexa devolto á cidade o antes posible dado que dispón de instalacións para a súa exposición, persoal para a restauración e técnicos para expoñelo.

A concelleira popular Teresa Pérez Rodríguez di que "nas instalacións nas que o seu grupo propón crear o centro de interpretación do astrolabio e doutras pezas só é preciso tapar unha goteira, opacar os cristais con vinilo a unha altura de dous metros, reforzar a porta cunha estrutura de ferro e imprimir carteis informativos".

O grupo que ten por portavoz a Óscar Rodríguez sinala que "esta peza e moitas das que poidan ser achadas na ría forman parte do patrimonio cultural de Viveiro e deben ser expostas nesta cidade". Por iso, os populares apoian a petición do arqueólogo Antón López de crear un centro de interpretación. Explican que “de momento pode ser provisional, para albergar esta peza e as moitas que poden ir aparecendo en novas campañas, de maneira que co tempo sexa un referente importante da historia náutica e subacuática do país”.

Os populares lembran que o arqueólogo recibiu unha notificación de entrega urxente do astrolabio, único no mundo tanto pola súa conservación como pola súa morfoloxía, dado que Patrimonio quere que sexa a peza estrela dunha exposición polo Xacobeo sobre achados subacuáticos; ten que realizar a entrega na semana do 11 de outubro.

astrolabio nautico pecio 1
0.19175291061401