O PP de Viveiro pregunta sobre a adxudicación dos postos vacantes na Praza de Abastos

AMariñaXa
O Partido Popular de Viveiro pediu ao Goberno local, formado polo PSOE e o BNG, que aclare a situación actual dos pregos para a licitación dos postos vacantes na Praza de Abastos.
Praza-de-Abastos-Viveiro
3 sep 2024

O Partido Popular de Viveiro pediu ao Goberno local, formado polo PSOE e o BNG, que aclare a situación actual dos pregos para a licitación dos postos vacantes na Praza de Abastos. Tamén demandan información sobre as liñas de axudas solicitadas polo Concello para a dinamización e mellora deste espazo, en cumprimento do acordo unánime adoptado no pleno de setembro de 2023.

A portavoz do PP, Mariña Gueimunde, manifestou a súa preocupación pola redución da actividade na Praza de Abastos, que, segundo explicou, pasou de ter unha ocupación do 50 % en setembro do ano pasado a só 3 dos 12 postos activos actualmente. Gueimunde describiu a Praza de Abastos como "un dos espazos máis importantes, tradicionais e turísticos do noso concello," subliñando a súa función como escaparate de produtos locais e de calidade vinculados á sustentabilidade e protección do medio ambiente.

Gueimunde instou ao goberno local a que avance na licitación dos postos vacantes para evitar que a Praza de Abastos perda máis actividade e interese. A portavoz popular tamén demandou que se proporcionen detalles sobre as axudas solicitadas para revitalizar o mercado, como se acordara por unanimidade no pleno anterior. Este acordo incluía a adhesión do Concello a convocatorias e liñas de axudas ofertadas por distintas administracións para mellorar e manter os mercados e prazas de abastos, así como a reserva dunha partida económica nos presupostos de 2024 para servizos básicos.

A Xunta de Galicia ofrece varias liñas de axudas relevantes, entre as que se inclúen subvencións da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para o impulso da Rede de Mercados Excelentes e para a mellora das prazas de abastos. Outra liña é a da Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural (AGADER), destinada á rehabilitación e reforma de mercados municipais de produtos agroalimentarios. O PP de Viveiro esixe que o goberno local proporcione información clara sobre a tramitación destas axudas e os pasos que se están tomando para asegurar a revitalización da Praza de Abastos.

0.18747591972351